A Xunta agradece o esforzo dos profesionais do mar na promoción dos seus produtos e a súa contribución á recuperación económica de Galicia trala pandemia

13 de Agosto de 2021
A conselleira do Mar participou na presentación da campaña de promoción ‘Marisco da Illa, o pracer na túa boca’
  • A titular de Mar anima ao sector a seguir na mesma liña de traballo que lle permitiu resistir mellor o impacto da alerta sanitaria e adaptarse ás dificultades derivadas dela
  • Rosa Quintana enxalza a campaña posta en marcha pola Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra pois coincide cos obxectivos de GALICIA SABE AMAR, a acción impulsada polo Executivo galego para animar á cidadanía a consumir peixes e mariscos da máxima calidade
  • A conselleira do Mar lembra que con esta iniciativa a Administración autonómica reforza o seu pacto social co sector e devólvelle parte do recibido durante a pandemia mostrando á cidadanía o que a xente do mar de Galicia sabe facer mellor 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da campaña de promoción dos produtos do marisqueo da Illa de Arousa Marisco da Illa, o sabor na túa boca, coa que a Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20) pretende difundir as bondades destes produtos entre os consumidores e impulsar os seus prezos. A titular de Mar salientou que se trata dunha mostra máis do constante esforzo do sector pesqueiro e marisqueiro galego por darlle valor ás súas capturas e unha acción fundamental para mellorar os ingresos dos profesionais do mar.

Neste sentido, a representante da Xunta agradeceu o labor desenvolvido pola frota pesqueira galega e polas mariscadoras e mariscadores durante a pandemia pois adaptáronse ás difíciles circunstancias do momento e traballaron arreo impulsando a recuperación económica de Galicia tralos momentos máis duros da alerta sanitaria. De feito, o complexo mar-industria galego resistiu mellor ca outros sectores o impacto da pandemia polo que Rosa Quintana animou aos profesionais do mar a continuar con esta liña de traballo.

A conselleira do Mar subliñou ademais que a aposta da OPP-20 por promocionar os seus produtos do mar locais coincide coa estratexia do Executivo galego, desenvolvida a través da campaña GALICIA SABE AMAR, para animar á cidadanía a consumir peixes e mariscos da máxima calidade e enxalzar as bondades dunha alimentación adecuada, saudable e sostible. “Con esta acción a Xunta reforza o seu pacto social co sector e devólvelle parte do que nos deu durante a pandemia cunha acción innovadora, áxil e fresca que pretende mostrar á cidadanía o que a xente do mar de Galicia sabe facer mellor”, explicou a representante do Executivo galego.

A campaña
Marisco da Illa, o pracer na túa boca é a acción de promoción dos produtos do mar locais impulsada pola OPP-20 para este 2021 e dá continuidade á posta en marcha o ano pasado denominada Marisco da Illa. Tradición saudable. Estas accións enmárcanse nos plans de produción e comercialización da entidade, que desde 2016 recibiu máis de 530.000 euros de axudas da Xunta cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

A campaña inclúe un anuncio publicitario e varias receitas elaboradas polo cociñeiro Adrián Albino, do restaurante Niño Corvo, que pretenden enxalzar a calidade dos produtos do marisqueo da Illa de Arousa e o seu sabor. Ao mesmo tempo busca dar a coñecer as vantaxes de consumir produtos do marisqueo para que a cidadanía aposte por eles á hora de facer a compra.