As vendas nas lonxas galegas acadaron a mellor cifra no 2017 con máis de 212.000 toneladas comercializadas de peixe e marisco

16 de Febreiro de 2018
En relación á frota do cerco, Mercedes Rodríguez lembrou que a Xunta solicitou ao Goberno central o transvase das cantidades de cota sobrantes do ano anterior e entre stocks de diferentes zonas
Lonxa
  • En canto ás axudas autonómicas destinadas ás organizacións de produtores pesqueiros lembrou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España que publicou a súa propia convocatoria no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro explicou que os plans de explotación conxuntos para zonas de libre marisqueo son habituais e véñense autorizando desde o 1992

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, subliñou hoxe no Parlamento que as vendas nas lonxas galegas acadaron a mellor cifra no 2017 con máis de 212.000 toneladas comercializadas de peixe e marisco por un valor económico que supera os 500 millóns de euros.

Unha cantidade procedente da primeira venda que representa a mellor cifra de facturación desde que hai datos, engadiu a directora xeral. Neste sentido, Mercedes Rodríguez felicitou ao sector por ese incremento na facturación e sinalou que a Consellería do Mar seguirá traballando para mellorar a comercialización e polo tanto o prezo dos produtos pesqueiros galegos.

En resposta a outra pregunta sobre a frota do cerco, a directora xeral explicou as xestións realizadas pola Consellería do Mar para o máximo aproveitamento das súas cotas. De feito sinalou que solicitou ao Goberno central o transvase das cantidades de cota sobrantes do ano anterior e entre stocks de diferentes zonas.

Tamén solicitou a realización de intercambios con outros Estados Membros que van permitir o incremento das cotas inicialmente asignadas tanto de xurelo da zona do Cantábrico-Noroeste (VIIIc) como de xurelo da zona que vai de Fisterra cara ao sur (IXa), e no seu caso, da cabala. Ademais, lembrou Mercedes Rodríguez, as xestións da Consellería permitiron a cesión ou intercambio entre caladoiros, modalidades ou asociacións de bocareu da área IXa por cota non usada de xurelo desta zona. A maiores, lembrou que máis da metade da facturación da flota do cerco correspóndese con especies non suxeitas a TAC.

En canto ás axudas autonómicas destinadas ás organizacións de produtores pesqueiros (OPPs), a directora xeral de Pesca fixo fincapé en que Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España que publicou a súa propia convocatoria de axudas no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para financiar a preparación e o desenvolvemento dos plans de mellora da produción e comercialización destas OPPs.

Neste sentido, explicou que están xa resoltas as dúas convocatorias. Sobre a de 2016, que acolle aos plans de 2014 e de 2015, sinalou que os importes están xa aboados e en relación á de 2017, que inclúe os plans de 2016, especificou que están próximos a abonarse. A través destas dúas convocatorias, explicou Mercedes Rodríguez, “puxemos máis de 1 millón de euros a disposición das OPPs”.

Libre marisqueo
Por outra banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro respondeu a dúas preguntas relacionadas coa xestión do libre marisqueo. Explicou que as rías de Pontevedra, Vigo, Muros e Noia, e Ferrol contan con plans de explotación conxuntos para zonas de libre marisqueo. Este tipo de plans, expuxo, non son novos, xa que é un sistema habitual de xestión que se vén autorizando desde o 1992 a través das ordes que aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira. Neles, por iniciativa das entidades, coxestiónanse os recursos das zonas de libre marisqueo.

Ademais sinalou que a xestión das zonas de libre marisqueo a través destes plans outorga unha maior flexibilidade á organización da explotación e permite adaptarse ao estado dos bancos e situación do mercado, sen ter que estar sometidos as condicións xerais establecidas para as zonas de libre marisqueo non sometidas a plan, nas ordes anuais polas que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira.

No caso da ría de Arousa, Susana Rodríguez explicou que neste momento os mariscadores da ría non contan con plan específico para as zonas de libre marisqueo explotadas conxuntamente. Non obstante, indicou, existe un diálogo entre a administración e o sector, que está estudando a conveniencia de presentar un plan específico conxunto de explotación destas zonas.

Para a mellora da xestión e conservación dos recursos marisqueiros, a directora xeral destacou que a Consellería do Mar pon axudas a disposición do sector. Unha liña destas achegas é a destinada proxectos colectivos de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables. A elas, na convocatoria deste ano, a Consellería do Mar destina preto de dous millóns de euros. Outra liña de axudas é a destinada a proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas.