Un total de 25 confrarías de pescadores benefícianse das axudas de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque e lonxas

04 de Outubro de 2018

A secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, responderon a diferentes preguntas na Comisión 8ª

  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou a boa execución dos proxectos vinculados con estas axudas e explicou que 13 das confrarías beneficiadas son da provincia da Coruña, dúas da de Lugo e dez da provincia de Pontevedra
  • En canto aos GALP, a directora xeral destacou que na convocatoria de axudas de 2018 a Xunta subvencionou 75 proxectos por un valor de máis de 4,4 millóns de euros
  • A secretaria xeral técnica puxo en valor o labor da Xunta na loita contra o furtivismo e fixo fincapé na importancia de concienciar á sociedade das implicacións negativas que ten o furtivismo nos eidos fiscal, laboral e comercial

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez lembrou hoxe no Parlamento que un total de 25 confrarías de pescadores se benefician das axudas para a modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque e das lonxas no marco da convocatoria de 2018. Unhas achegas, explicou a directora xeral, que se convocan por primeira vez este ano, que están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e que se enmarcan no Programa de Equipamentos nos Portos Pesqueiros de Galicia.

Ademais, Susana Rodríguez destacou a boa execución dos proxectos vinculados con estas axudas e explicou que, das confrarías beneficiadas, 13 son da provincia da Coruña e recibiron axudas por valor de máis de 560.000 euros; dúas son da provincia de Lugo, con subvencións por valor de preto de 63.700 euros, e dez confrarías pertencen á provincia de Pontevedra e obtiveron achegas por valor de preto de 230.000 euros.

Engadiu ademais que estas axudas se convocan atendendo ás demandas e necesidades do propio sector e expuxo que entre os investimentos subvencionados están guindastres eléctricos, carretillas elevadoras eléctricas, catro transpaletas eléctricas e manuais e empilladores eléctricos.

En resposta a outra pregunta sobre convocatoria de axudas de 2018 aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), cofinanciadas co FEMP, Susana Rodríguez puxo de relevo que, no marco desta convocatoria, a Consellería do Mar subvenciona 75 proxectos destes grupos por un valor de máis de 4,4 millóns de euros. Unha contía, explicou, que permitirá mobilizar un investimento global de máis 11,6 millóns de euros.

Tamén destacou que, dos proxectos aprobados, un 33% son promovidos por mulleres ou xente nova das áreas litorais e que a maioría das iniciativas subvencionadas teñen como obxectivo o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras. Séguenlle os proxectos enfocados ao aumento do valor, á creación de emprego, á atracción de mocidade e á promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura e, no caso de proxectos non produtivos, o fomento do benestar social e do patrimonio cultural e ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas.

Furtivismo
Por outra banda, en resposta a unha pregunta relacionada co furtivismo, a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, puxo en valor o traballo da Xunta e en concreto do Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, na loita contra esta lacra. Lembrou que Xunta contribuíu a que o furtivismo fora tipificado como delito no Código Penal. Engadiu ademais que a Consellería do Mar mellorou a coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, fundamentalmente, puntualizou, coa Policía Autonómica, leva realizado máis de 100 detencións e posta a disposición xudicial de furtivos no que vai de ano.

Tamén se desmontaron, expuxo, redes de comercialización non só de marisco furtivo de Galicia, senón de produtos que veñen doutros países (Portugal, Irlanda, etc.) sen cumprir cos requisitos de documentación esixidos pola normativa actual. A maiores, Isabel Concheiro fixo fincapé en que “é imprescindible concienciar á sociedade de todo o que o furtivismo trae aparellado”. Neste sentido, subliñou que o furtivismo ten implicacións fiscais ao ser unha actividade ilegal; laborais, porque afecta aos profesionais minguando os seus ingresos, e comerciais, xa que afecta á imaxe dos produtos.

Afiliacións e recoñecementos médicos
Isabel Concheiro respondeu tamén a unha pregunta sobre as afiliacións ao Réxime Especial do Mar da Seguridade Social e sinalou que se manteñen estables desde 2015, cun aumento de preto de 1.200 persoas desde xaneiro de 2015 a xullo de 2018, superando a cifra dos 21.000 afiliados en marzo deste ano. De cara a seguir incrementando o emprego no mar, explicou a secretaria xeral, a Xunta pon a disposición do sector subvencións para modernizar a frota e para novos propietarios de buques pesqueiros. Ademais destacou o papel dos GALP na dinamización económica das zonas costeiras, lembrou que no caso das mariscadoras a Administración galega conseguiu que se puidesen dar de alta na Seguridade Social e cotizar para unha pensión.

A secretaria xeral tamén deu resposta a unha pregunta sobre os recoñecementos médicos na Casa do Mar de Pontevedra, un asunto, aclarou, que é competencia do Instituto Social da Mariña, dependente do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Non obstante, sinalou Isabel Concheiro, a Consellería do Mar amosou a súa preocupación pola situación dos recoñecementos médicos dos mariñeiros da zona de Pontevedra e “xa demandara no pasado unha solución e axilización destes recoñecementos médicos, que son obrigatorios, tanto ao Ministerio como ao propio Instituto Social da Mariña”. Ademais explicou que a Consellería de Sanidade asinou un convenio co ISM para a cesión e comunicación de datos de carácter persoal e o acceso aos sistemas de información necesarios para poder realizar con éxito os recoñecementos médicos de embarque marítimo.

Bandera Unión Europea