Rosa Quintana pon ao Centro Interpretativo da Biodiversidade do Esteiro do Anllóns como exemplo de difusión do valor ambiental do litoral galego

04 de Marzo de 2019
A conselleira do Mar participou na inauguración do Centro de Interpretación do Estuario do Anllóns

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde en Cabana de Bergantiños na inauguración do Centro de Interpretación do Estuario do Anllóns, un proxecto promovido polo concello a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte e subvencionado pola Xunta con máis de 162.700 euros. Alí a titular de Mar puxo esta iniciativa, que xorde da recuperación dunha antiga vivenda de carpinteiros de ribeira, como exemplo de difusión do valor ambiental do litoral galego. Neste sentido, destacou que busca “garantir a sustentabilidade da actividade extractiva promovendo o aproveitamento sustentable dos recursos naturais e ambientais do esteiro e visibilizar o mar como recurso doutras cadeas de valor relacionadas coa economía marítima, fomentando a súa competitividade”.

Deste xeito, subliñou a conselleira, este centro “é transmisor da cultura e da educación ambiental do territorio costeiro e da Costa da Morte en particular”. Tamén “é promotor de turismo gastronómico, pois funcionará como centro de degustación que dá mostra da calidade dos berberechos do Anllóns. Rosa Quintana tamén puxo de relevo o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) como vía para fomentar a dinamización e o patrimonio das zonas pesqueiras. Lembrou que aos proxectos destes grupos a Xunta destina na convocatoria de axudas deste ano máis de 22,6 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a distribuír en tres anualidades.