Rosa Quintana enxalza o intenso labor da confraría de Porto do Son para protexer o legado mariñeiro desta vila e do conxunto de Galicia

23 de Xullo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do proxecto Porto do Son mariñeiro

  • A conselleira do Mar destaca que o arquivo de fondos históricos dixital impulsado pola entidade, con máis de 1.600 expedientes recollidos en preto de 40.000 imaxes, facilitará a transmisión do patrimonio mariñeiro de xeración en xeración
  • A titular de Mar eloxia a forte implicación social do concello de Porto do Son na protección da súa cultura marítima, unha vocación que concorda coa estratexia deseñada pola Xunta para protexer os bens materiais e inmateriais da comunidade mediante a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do proxecto Porto do Son mariñeiro co que a confraría de pescadores local dá a coñecer o seu arquivo de fondos históricos documentais dixitalizados, accesible a todo o mundo e con máis de 1.600 expedientes recollidos en 39.000 imaxes. A titular de Mar enxalzou o intenso traballo realizado pola confraría de pescadores durante máis de dous anos para organizar, inventariar, catalogar e dixitalizar todo ese material que forma parte do patrimonio material e inmaterial tanto de Porto do Son como do conxunto de Galicia.

A representante da Xunta, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, subliñou que o resultado obtido é froito da forte implicación social desta vila na protección e conservación do seu legado e patrimonio mariñeiros para que poidan chegar intactos ás futuras xeracións. De feito, destacou a titular de Mar, a confraría soubo adaptarse ás circunstancias recorrendo ás novas tecnoloxías e ás novas canles de comunicación para protexer a súa cultura marítimo-pesqueira e facela accesible a calquera persoa do mundo.

Rosa Quintana engadiu que esta iniciativa, desenvolvida no marco do Proxecto de recuperación e posta en valor dos fondos documentais da confraría baixo o paraugas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ría de Muros e Noia Costa Sostible, permitirá a transmisión dese legado de xeración en xeración e que tanto Porto do Son como Galicia avancen na protección do seu pasado, presente e futuro mariñeiros.

“Trátase dun patrimonio vencellado co mar que explica a transformación do territorio e do modo de vida da xente do mar, da súa construción social e cultural ao longo do tempo e da evolución dos seus oficios e técnicas en todo o litoral galego”, destacou Rosa Quintana. Un proxecto, engadiu, que contribúe a difundir o amplo patrimonio e cultura marítima de Porto do Son e Galicia.

A titular de Mar eloxiou ademais o labor da confraría sonense pois concorda coa estratexia deseñada pola Xunta para protexer o seu legado mariñeiro mediante a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030. Este documento, que se elaborará no marco dun convenio de colaboración asinado a comezos de mes entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación, permitirá deseñar accións para preservar o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro.

De feito, a previsión é redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos para protexer a cultura marítima da comunidade. Rosa Quintana salientou que esta medida se enmarca na aposta da Xunta por poñer en valor e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia polo que o traballo incluirá todo o seu litoral.

A representante do Executivo galego tamén puxo en valor a actividade realizada polos grupos de acción local do sector pesqueiro, que desde 2016 desenvolveron preto de medio milleiro de accións na comunidade coa mobilización de máis de 30 millóns de euros de axuda pública. Na convocatoria deste ano a Xunta destinou máis de 16 millóns de euros ás iniciativas que presenten os oito GALP de Galicia co obxectivo de dinamizar as zonas costeiras e impulsar a súa economía.

O proxecto
Porto do Son mariñeiro é un proxecto impulsado pola confraría de pescadores de Porto do Son ao abeiro dos GALP para recuperar o fondo documental histórico da entidade -que se remonta a 1923-, dixitalizalo e facelo accesible a todo o mundo. O investimento necesario para a execución do proxecto rolda os 90.000 euros e contou co apoio da Xunta e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) no marco da convocatoria de 2020 de axudas aos grupos de acción local do sector pesqueiro.

A consecución do arquivo dixitalizado dos fondos documentais de Porto do Son -formado por eses máis de 1.600 expedientes recollidos en preto de 40.000 imaxes- busca preservar a cultura mariñeira da zona, revitalizar o patrimonio inmaterial da confraría e dinamizar a zona de influencia do GALP ría de Muros e Noia Costa Sostible.

Bandera Unión Europea