Preto de 900 profesionais do marisqueo a pé e 25 embarcacións participarán este ano na recollida activa de lixo en Galicia

30 de Marzo de 2023

A Xunta aprobou unha axuda global de máis de 337.000 euros para 13 proxectos de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños que prevén un total de 120 xornadas de limpeza no litoral da comunidade

Consellería do Mar
  • Os participantes previstos supoñen máis que cuadriplicar as cifras da primeira convocatoria de 2020, o que demostra a implicación cada vez maior do sector marítimo-pesqueiro no coidado no medio e a súa concienciación na necesidade de retirar del os refugallos que chegan desde terra
  • Estas iniciativas, que tamén inclúen accións de formación e divulgación, permitiron retirar entre 2020 e 2022 máis de 235 toneladas de residuos mariños da costa galega
  • Todas elas enmárcanse no plan MarLimpo da Consellería do Mar e engádense aos obxectivos ecolóxicos a tres anos incluídos en máis do 60% dos plans de xestión de marisqueo xeral e de recursos específicos aprobados ás entidades do sector

O sector pesqueiro e marisqueiro galego vai desenvolver este ano 13 proxectos de recollida de lixo mariño coa participación activa de preto de 900 profesionais do marisqueo e 25 embarcacións en distintas accións que suman 120 xornadas de limpeza das costas e augas de Galicia. Así o recolle a resolución da convocatoria de axudas para este tipo de iniciativas de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a retirada de residuos no mar que analizou hoxe o Consello da Xunta.

A cifra de persoas participantes nas actuacións a realizar en 2023 supón máis que cuadriplicar as da primeira edición, de 2020 e que contou coa intervención de 200 mariscadoras e mariscadoras, algo que tamén acontece no caso das embarcacións, que pasaron de ser só cinco a chegar ás 25 actuais. Isto reflicte a implicación cada vez maior do sector marítimo-pesqueiro no coidado do medio mariño e a súa concienciación na necesidade de retirar del os refugallos que chegan desde terra.

Estas achegas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), están dirixidas ás confraría de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas organizacións do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). Os 13 proxectos aprobados na convocatoria deste ano suman unha axuda global de máis de 337.000 euros, na que tamén se inclúen accións formativas e de divulgación entre o conxunto da poboación.

A recollida activa de lixo apoiada neste exercicio realizarase no marco de doce proxectos que abarcan compensacións aos mariscadores a pé e á frota de artes menores por esta acción. A contía diaria no caso das embarcacións pesqueiras -para as empresas armadoras- será a correspondente aos ingresos medios da actividade pesqueira da frota de artes menores no trienio 2019-2021 en función da súa área xeográfica e do seu arqueo. No caso do marisqueo a pé, a compensación terá en conta o nivel de ingresos medios da actividade no trienio 2019-2021 segundo a súa área xeográfica.

As entidades beneficiarias destes doce proxectos de recollida activa de lixo mariño son as confrarías de pescadores do Grove, O Pindo, Pontedeume, Vilanova de Arousa, Cedeira, Vilaboa, Mugardos, Caión, Cambados, Noia, Corcubión e a Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio.

Proxectos destacados
A iniciativa coa maior achega aprobada é a da confraría de Noia, con máis de 81.000 euros. O seu proxecto Econoia 4, que dá continuidade ás tres edicións previas ao abeiro das tres convocatorias anteriores, inclúe a retribución por dúas xornadas de recollida activa de lixo por parte de 261 mariscadoras e mariscadores, a elaboración de vídeos sobre o traballo realizado ou a adquisición de distintos materiais.

A maior participación de profesionais do mar na retirada de refugallos da costa corresponde á confraría de pescadores do Grove, que prevé a colaboración de 319 persoas do marisqueo a pé da zona nunha única xornada de limpeza. Entre as accións previstas pola entidade ao abeiro do proxecto Mar sen lixo II, que conta cunha achega de preto de 40.000 euros, están tamén a realización dunha exposición de arte con lixo mariño, a organización dun obradoiro e a compra de elementos necesarios para ese labor.

Mentres, a confraría de pescadores de Pontedeume impulsa unha iniciativa -Limpeza de lixo de Moteis e do Peregil- na que interveñen tanto profesionais do marisqueo a pé como embarcacións de baixura. Un total de 16 mariscadoras a pé retirarán residuos da costa en tres días distintos e 15 embarcacións farán o mesmo durante cinco xornadas cunha axuda global de arredor de 23.000 euros.

Outro dos proxectos aprobados é un da confraría de Cambados que prevé a realización dunha xornada de limpeza nos bancos marisqueiros a pé xestionados pola entidade coa participación de 134 persoas. A maiores, inclúe a celebración dunha xornada formativa e de cinco charlas divulgativas así como a adquisición de distinto material cun apoio próximo aos 17.000 euros.

Un dos 13 proxectos seleccionados é de recollida pasiva de lixo, o que implica que as embarcacións e profesionais da pesca e do marisqueo recollen os residuos que veñen a bordo nos aparellos durante as faenas ordinarias de pesca ou durante a actividade normal. Esta iniciativa é da confraría de Mugardos, que conta tamén cun proxecto de recollida activa, e a ela destínanse algo máis de 3.600 euros para a adquisición de material e a colocación, transporte e xestión de contedores para a xestión dos refugallos.

Balance
Estas iniciativas contribuirán a avanzar nunha estratexia de retirada de residuos mariños da costa galega que xa permitiu extraer máis de 235 toneladas entre os exercicios 2020 e 2022. Os 23 proxectos desenvolvidos neses tres anos ao abeiro das convocatorias de axudas da Consellería do Mar, enmarcadas no Plan MarLimpo, supuxeron a realización de 163 limpezas activas coa participación de 660 persoas e 10 embarcacións ás que se engadiu as recollidas pasivas de 470 profesionais do mar e máis de 100 embarcacións cunha achega pública global de máis de 1,2 millóns de euros.

Estes datos mostran o compromiso cada vez maior do sector coa retirada dos refugallos presentes no mar pois estas accións súmanse ás xa previstas nos obxectivos ecolóxicos a tres anos de máis do 60% dos plans de xestión de marisqueo xeral para o período 2021-2023 e ás incluídas en preto do 70% dos de recursos específicos para o período 2022-2024. Este traballo reflicte o elevado grado de implicación do sector marítimo-pesqueiro na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. 

Bandera Unión Europea