As pemes galegas de transformación dos produtos do mar investirán 45 millóns de euros entre 2021 e 2022 na mellora das súas instalacións

09 de Agosto de 2021

A Xunta subvenciona ata o 50% dos investimentos impulsados polas empresas do sector e na convocatoria deste ano aprobou preto de 21 millóns de euros en achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca

  • A titular de Mar salienta que este é o ano con maior número de proxectos aceptados e maior volume de axudas concedido, o que demostra que a industria transformadora recorre cada vez máis a estes apoios para modernizar as súas instalacións
  • As actuacións susceptibles de acollerse a estas subvencións son aquelas que buscan mellorar a eficiencia enerxética, reducir o impacto no medio ambiente, promover a innovación e mellorar as condicións de traballo e seguridade dos empregados
  • Rosa Quintana subliña que este tipo de achegas son fundamentais para que o sector poida medrar e manter a súa competitividade especialmente despois das dificultades económicas derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a empresa Conservas de Cambados onde destacou que pequenas e medianas empresas galegas de transformación dos produtos do mar coma esta van investir entre este ano e o que vén máis de 45 millóns de euros na mellora das súas instalacións. Trátase de actuacións que se enmarcan na convocatoria deste ano de axudas para as pemes do mar, que se saldou coa aprobación de 57 proxectos nos que se subvenciona ata o 50% do investimento e que suman unha achega total de preto de 21 millóns de euros.

A titular de Mar subliñou que estes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), se convocan anualmente desde 2016 e que este é o exercicio con maior número de proxectos aprobados e co importe de crédito concedido máis alto. Isto demostra, engadiu, que o sector recorre cada vez máis a este tipo de axudas promovidas pola Xunta para poder modernizar as súas instalacións.

A representante do Executivo galego lembrou que entre as accións que son obxecto de apoio con estas achegas está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Mentres, os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que permiten, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.

O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador de produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o seu impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou que este tipo de apoios son fundamentais para que o sector poida medrar e manter a súa competitividade especialmente despois das dificultades económicas derivadas a alerta sanitaria polo coronavirus. Rosa Quintana asegurou que o complexo mar-industria resistiu mellor ca outros o impacto da pandemia, pero incidiu en que a axuda da Administración é transcendental para que o sector poida recuperar o antes posible os niveis de produción e actividade previos a 2020.

Conservas de Cambados
Esta empresa con sede en Ribadumia comezou a súa actividade de transformación de produtos do mar en Portonovo (Sanxenxo) en 1985 e no ano 2000 trasladouse a Ribadumia co obxectivo de poder medrar e atender a maior demanda dos seus produtos. Desde 2008 recibiu distintas achegas da Xunta por importe de máis de 730.000 euros que lle permitiron optimizar a súa produción e mellorar a súa competitividade.

Na convocatoria deste ano Conservas de Cambados obtivo axuda para dous proxectos que suman máis de 80.000 euros de investimento, un para a mellora da eficiencia e o aforro enerxético das instalacións por importe de 56.000 euros e outro para a implantación nun novo sistema e equipamento informático por máis de 24.000 euros. Ademais, a empresa xa está preparando novos proxectos de cara á convocatoria do vindeiro ano, como un sistema de circuíto pechado de auga de mar destinado a limpar de forma natural a area que portan os berberechos.