Os proxectos para a modernización de buques acadan un novo máximo con 85 axudas concedidas este ano por máis dun millón e medio de euros

15 de Decembro de 2023

Os directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de Desenvolvemento Pesqueiro responderon a preguntas na Comisión 8ª

  • Antonio Basanta detalla que se ampliou o crédito inicial debido ao importante número de solicitudes presentadas para actuacións que melloran as condicións a bordo, a eficiencia enerxética e motriz e que as que aumentan o valor engadido nas frotas

  • Puxo o acento en que o palangre de fondo, a arte máis afectada polos vetos de Bruxelas e agora a caída da cota de pescada en Gran Sol, foi un dos que máis apostou por esta liña de apoios, con actuacións en 13 barcos

  • O ano que vén esta liña reforzarase sensiblemente ata acadar os 6,9 millóns de euros

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento para modernización de barcos acadaron na convocatoria deste ano o máximo de iniciativas amparadas, ao acadar un total de 85. Esta cifra ven a mellorar en preto dun 21,5% os 70 proxectos que contaron coas axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros que, despois dunha liña ascendente durante toda a etapa en vigor do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), se acadaron nos anos 2021 e 2022.   

A Consellería do Mar destinou a esta convocatoria, que ampliou debido ao elevado número de solicitudes, preto de 1,8 millóns de euros para, finalmente, conceder as 85 achegas citadas por importe de máis de 1,5 millóns de euros, un apoio que propiciará un investimento global de máis de 3 millóns de euros.

Antonio Basanta destacou ademais que o ano que ven a modernización da frota será un dos eixes das políticas orzamentarias da Xunta, ao contar con 6,9 millóns de euros en recursos baixo o amparo xa do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). A cantidade é moi relevante si se ten en conta que no período en vigor do FEMP se concederon, en total, 5 millóns de euros que mobilizaron o dobre en investimentos nas 380 iniciativas ao abeiro desta orde de axudas.

A maior parte destes apoios diríxense a accións que melloran a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo nas embarcacións -como a introdución de novas tecnoloxías e internet- seguidas das que aumentan o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas -entre elas a instalación de equipos de frío-, accións que limitan o impacto da pesca e melloras a eficiencia enerxética e cambios de motores.

Sinalou o director xeral de Pesca que a modernización da frota é unha aposta do sector porque melloren a partir de 2024 situacións como a dos vetos ao arrastre en augas da UE. De feito puxo como exemplo ao palangre de fondo que, beneficiario para introducir melloras en 13 buques, está entre as que máis apostan polo futuro, a pesar de ser das artes máis damnificadas polos citados vetos pese a ser tamén das máis respectuosas co medio, e de agora ver como se lle recortou a cota de pescada no Gran Sol.

Equipamentos das dársenas    

Na Comisión 8ª de hoxe tamén compareceu a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, quen destacou a importante aposta da Consellería do Mar pola modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque.

En resposta a unha pregunta parlamentaria a directora xeral explicou que desde 2016 (período FEMP) as convocatorias anteriores permitiron apoiar 468 proxectos colectivos por un importe superior aos 21 millóns de euros. Dentro destas actuacións houbo un total de 48 para proxectos de eficiencia enerxética e protección do medio ambiente que mobilizaron preto de 3,5 millóns de euros, neste caso concreto desde 2019 ata o que levamos de 2023.

Tamén foi inquirida Susana Rodríguez sobre a necesidade de regular o baleirado dos encoros que se sitúan na demarcación hidrográfica competencia da Xunta de Galicia, ao que sinalou que se están a dar os pasos necesarios para optimizar esta cuestión. 

Bandera Unión Europea