Os Premios Economía Azul entregarán na súa terceira edición un premio especial ao proxecto Plancton de Afundación Obra Social Abanca

19 de Novembro de 2022

O galardón recoñecerá a relevancia dunha iniciativa allea aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), desenvolvida en 2021 por Afundación, que permitiu retirar dos areais e fondos mariños galegos preto de 19 toneladas de residuos

  • Nesta acción participaron arredor de 800 persoas entre voluntarios de Abanca, Afundación e profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro galego
  • O prazo para elixir os catro proxectos gañadores dos Premios Economía Azul está aberto ata o vindeiro 25 de novembro na web galp.xunta.gal podendo elixir un dos tres finalistas en cada unha das categorías existentes
  • Os premios entregaranse o vindeiro 1 de decembro na Cidade da Cultura co obxectivo de dar visibilidade ao traballo dos GALP e animar a novos promotores a que presenten proxectos para impulsar o sector e preservar o patrimonio marítimo e costeiro

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022 A terceira edición dos Premios Economía Azul -que se entregarán o próximo 1 de decembro para galardoar as mellores iniciativas postas en marcha nos últimos anos polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia- inclúe un recoñecemento especial ao proxecto Plancton, desenvolvido por Afundación (a obra social de Abanca) en 2021 e que permitiu retirar nese ano case 19 toneladas de residuos dos areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras da comunidade.

O obxectivo deste galardón é destacar unha acción realizada á marxe dos GALP e que ten unha importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente no que ten que ver coa protección do medio ambiente. De feito, nesta acción -que está a ter continuidade en 2022- participaron preto de 800 persoas voluntarias tanto de Abanca e Afundación como doutros colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas xornadas organizadas para a limpeza de fondos e costas.

Este premio engádese aos catro que se entregarán a proxectos GALP e que sairán da terna de 12 finalistas, tres por cada unha das categorías existentes: apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego, diversificación e economía circular.   

Eses 12 finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro entre as propostas presentadas polos GALP tendo en conta os beneficios que xeraron para o sector pesqueiro e a súa área de influencia. Estre os aspectos considerados están a súa contribución á creación de emprego nas zonas costeiras, o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local así como os elementos innovadores introducidos e a creación de oportunidades para as mulleres e a mocidade no sector marítimo-pesqueiro.

Nestes momentos segue aberto o proceso de votación pública para a elección dos proxectos gañadores polo que calquera persoa pode votar ata o vindeiro 25 de novembro na páxina web https://galp.xunta.gal/. Pódese votar a un proxecto dos finalistas en cada unha das catro categorías e resultará gañadora a candidatura que reciba máis votos. As iniciativas premiadas anunciaranse o 1 de decembro nunha gala que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Estes galardóns van dirixidos ás entidades e persoas promotoras de proxectos subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP. Con eles búscase dar visibilidade ao labor destes grupos na dinamización das zonas do litoral e animar a potenciais promotores a que presenten novas iniciativas coas que impulsar o sector marítimo-pesqueiro e preservar o patrimonio costeiro de Galicia.

Balance dos GALP

Un exemplo da súa importancia son os máis de 660 proxectos desenvolvidos desde a súa creación no ano 2016 ata finais do ano pasado. Estas iniciativas recibiron máis de 38 millóns de euros de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que supuxeron un investimento global de máis de 80 millóns de euros. A actividade económica xerada por estas accións permitiu aportar máis de 230 millóns de euros á economía galega, preto dun 0,4% do produto interior bruto (PIB) de Galicia, e a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos.

Os proxectos finalistas desta terceira edición son:

Ao premio a mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal:

1.        Narón emprende en azul. Concello de Narón (GALP Golfo Ártabro Norte).

2.       Mellora do proceso produtivo do polbo de lonxa. Confraría de pescadores de Lira (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).

3.       Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – enLonxaTour. Confraría de Pescadores de Portonovo (GALP Ría de Pontevedra).

Ao premio a mellor proxecto de creación de emprego:

1.        Pazo de Trasariz Seafoof Events. Trasariz Desarrollo Inmobiliario SL (GALP Costa da Morte).

2.       Seafood Market Mama Celia. Manuel Cartamil Obelleiro (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).

3.       Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas. H.Q. Seaweed SL (GALP Ría de Vigo-A Guarda).

Ao premio a mellor proxecto de diversificación:

1.        Creación da aula do mar A Mariña. Asociación de Saúde Mental A Mariña (GALP A Mariña – Ortegal).

2.       Restaurante Material: O Abrigo do Nordés. Nordés Material SL (GALP Costa da Morte).

3.       Pescaturismo Praia de Sanxenxo. Sauro Martínez Durán (GALP Ría de Pontevedra).

Ao premio a mellor proxecto de economía circular:

1.        Centro de transformación do lixo mariño. Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).

2.       Amegrove Coida o Mar – Amecomar. Amegrove Sociedade Cooperativa Galega (GALP Ría de Arousa).

Fabricación de produtos con materiais reutilizados e residuos procedentes da manufactura. Nordés Veleria SL (GALP Ría de Pontevedra).

Bandera Unión Europea