Os mariscadores de Ferrol serán os principais beneficiarios dunha depuradora que lles permitirá xestionar directamente a venda das súas capturas

19 de Febreiro de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou en Ferrol dous proxectos do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ártabro Norte

  • Grazas a este proxecto GALP, impulsado pola confraría e apoiado polo Goberno galego con máis de 13.500 euros, os mariscadores depurarán os moluscos e realizarán a súa venda directa sen ter que depender de intermediarios
  • A titular de Mar tamén visitou o dique da Cabana, que é obxecto de recuperación no marco doutro proxecto do GALP Golfo Ártabro promovido polo Concello e subvencionado pola Consellería do Mar con 150.000 euros
  • Na convocatoria deste ano de axudas a proxectos deste tipo a Xunta pon a disposición máis de 22,6 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a distribuír en tres anualidades
  • No eido da rexeneración de bancos marisqueiros, a conselleira puxo de relevo os 2,3 millóns de euros que o seu departamento destina en achegas ao sector marisqueiro na convocatoria deste ano
  • Estas axudas complementan unhas actuacións previstas a maiores na ría de Ferrol nas que o Executivo galego inviste máis de 268.000 euros e que inclúen o seguimento das condicións da ría e accións de rexeneración, entre outras

O sector do marisqueo de Ferrol, do que dependen máis de 200 familias, será o principal beneficiario da depuradora de mariscos situada nas instalacións da confraría de pescadores deste concello da provincia da Coruña. Este proxecto do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro do Golfo Ártabro, que foi promovido pola propia confraría e subvencionado pola Consellería do Mar con máis de 13.500 euros, permitirá aos profesionais do marisqueo xestionar directamente a venda das súas capturas sen ter que depender de intermediarios.

Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita a esta instalación da confraría de Ferrol, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí a conselleira tamén puxo de relevo que con este equipamento, o sector marisqueiro poderá depurar os moluscos capturados -entre eles ameixa, berberecho, ostra e carneiro-.

Neste sentido destacou que as accións coma esta mellorarán o prezo do produto e repercutirán positivamente nas rendas dos profesionais do marisqueo, pois a confraría comprará o produto aos profesionais na poxa para, posteriormente, depuralo, etiquetalo, empaquetalo e distribuílo entre o público en xeral e pequenos comercios de restauración. É dicir, resumiu, este tipo de proxectos redundan nunha mellor explotación do recurso, mellor comercialización e máis ingresos.

Durante a súa estancia en Ferrol, a titular de Mar tamén visitou o dique de mareas da Cabana, que é obxecto de recuperación no marco doutro proxecto do GALP Golfo Ártabro promovido polo Concello e subvencionado pola Consellería do Mar con 150.000 euros. Esta instalación, que antigamente funcionou como estaleiro e carpintería de ribeira, e a súa contorna ocupan unha superficie de máis de 5.000 m2 na zona da Cabana. Co apoio a este proxecto, especificou a conselleira, impulsamos a recuperación e posta en valor de instalacións senlleiras do noso litoral coma este dique.

Neste sentido, Rosa Quintana expuxo que o proxecto do GALP para a recuperación deste espazo inclúe a limpeza do borde marítimo e a mellora das condicións medioambientais da zona. Ao mesmo tempo, engadiu, este proxecto tamén contempla a recuperación e divulgación da cultura mariñeira, xa que inclúe a creación dun espazo de interpretación das actividades e tradicións mariñeiras, que permitirá potenciar o seu coñecemento e pór en valor a súa importancia.

Estas dúas iniciativas do GALP Golfo Ártabro, sinalou Rosa Quintana, forman parte dos arredor de 250 proxectos dos GALP que están en execución, cun valor total de axuda de 17 millóns de euros. Uns investimentos que comprometen a creación dun mínimo de 267 empregos directos. Estes proxectos, subliñou a conselleira, contribúen á dinamización do noso litoral, a crear emprego e a protexer o noso gran patrimonio cultural e medioambiental.

Convocatoria 2019 axudas GALP

Rosa Quintana tamén lembrou que na convocatoria deste ano a Xunta pon a disposición dos GALP para os seus proxectos máis de 22,6 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a distribuír en tres anualidades. Nesta convocatoria, lembrou a titular de Mar, introdúcense novidades para favorecer a actividade dos grupos. Unha delas é a exixencia de que as axudas de minimis impliquen, polo menos, a creación dun posto de traballo a tempo completo.

Outra modificación é o aumento do período de presentación de solicitudes de achegas, que estará aberto permanentemente ata o 1 de marzo 2021. Tamén contempla maiores facilidades para os promotores na tramitación das axudas e o traspaso de orzamento sobrante dos grupos que teñen menos proxectos a outros para os que os fondos son insuficientes.

Rexeneración

Ademais das axudas destinadas aos GALP, a conselleira tamén puxo de relevo as achegas que a Xunta pon a disposición do sector marisqueiro para rexenerar as súas zonas de traballo. A esta convocatoria o Goberno autonómico destina 2,3 millóns de euros a distribuír en dúas anualidades e a ela, explicou Rosa Quintana, poden optar as confrarías da ría de Ferrol. A maiores sinalou que por primeira vez a convocatoria é aberta, de maneira que as entidades interesadas poden presentar solicitude de axuda ao longo de todo o ano. Deste xeito, expuxo a titular de Mar, búscase maior concorrencia e adoptar medidas máis adaptadas ás condicións ambientais e estacionais, así como a circunstancias sobrevidas con motivo do clima.

Estas axudas, engadiu a conselleira, complementan unha serie de actuacións previstas a maiores para a ría de Ferrol. Nelas, informou a titular de Mar, a Xunta inviste máis de 268.000 euros e inclúen o seguimento das condicións da ría, no establecemento dun punto de control nun banco marisqueiro e a rexeneración dunha área das Pías que consistirá en arar aqueles bancos que o precisen e no vertido de áridos. Para realizar estes traballos, explicou, estanse solicitando as autorizacións correspondentes e a contratación dos medios. Todas estas actuacións, concluíu Rosa Quintana, amosan o compromiso da Xunta co sector marisqueiro e os recursos da zona e co incremento de zonas produtivas e novas zonas de traballo.

Bandera Unión Europea