Os grupos de acción local do sector pesqueiro mobilizan máis de 12 millóns de euros para o desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras

21 de Decembro de 2020

A conselleira do Mar mantivo unha reunión por videoconferencia con representantes dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)

Conselleira do Mar
  • A Consellería do Mar aprobou axudas a 128 proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) por valor de máis de 7,3 millóns de euros no marco da convocatoria deste ano
  • Estas iniciativas prevén crear 70 postos de traballo a tempo completo e a maioría atenden a aspectos como a creación de emprego, a atracción de xente nova e a innovación na cadea de subministración de produtos do mar
  • Aos proxectos aprobados nesta convocatoria súmanse os preto de 390 desenvolvidos entre 2016 e 2019 que catalizaron un investimento total de preto de 60 millóns de euros

A Consellería do Mar aprobou axudas a 128 proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) por valor de máis de 7,3 millóns de euros no marco da convocatoria de 2020 aos proxectos destes grupos. Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), catalizaron nesta convocatoria un investimento total de máis de 12 millóns de euros, ao sumar os preto de cinco millóns de aportación privada. Este foi un dos asuntos tratados hoxe na xuntanza que mantivo por videoconferencia a conselleira do Mar, Rosa Quintana, con representantes dos oito GALP de Galicia e na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Dos proxectos aprobados 65 son produtivos é dicir, proxectos enfocados a un tipo de actividade económica que supón a creación e/ou mantemento de postos de traballo. Para estes proxectos as achegas concedidas superan os 4,6 millóns de euros. Mentres, os 60 proxectos restantes son non produtivos, que non supoñen o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica, cun valor total de axuda concedida de máis de 2,7 millóns de euros.

Todas estas iniciativas prevén crear 70 postos de traballo a tempo completo e a maioría atenden ao obxectivo de aumento do valor, creación de emprego, atracción de xente nova e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración de produtos da pesca e da acuicultura.

En canto á distribución por grupos, 29 dos proxectos aprobados corresponden ao GALP 1 Mariña-Ortegal, cun importe total de subvención de máis de 1,1 millóns de euros. O GALP 2 Golfo Ártabro Norte conta con 25 proxectos aprobados con axudas por valor de máis de 597.000 euros; o GALP 3 Costa da Morte ten nove proxectos aprobados con axudas por valor de preto de 890.000 euros e o GALP 4 Seo de Fisterra ría de Muros e Noia Costa Sostible dispón de 11 iniciativas aprobadas por valor de máis de 1,4 millóns de euros en axudas.

Ademais o GALP 5 ría de Arousa ten 18 iniciativas aprobadas con axuda por valor total de preto de 1,4 millóns de euros e o da ría de Pontevedra conta con outros 14 proxectos aprobados con importe subvencionado de máis de 792.000 euros. Un total de 11 proxectos con valor económico de axuda de preto de 586.000 euros correspóndense co GALP 7 ría de Vigo A Guarda e outros 11 proxectos aprobados con importe subvencionado de máis de preto de 561.000 euros ao GALP 8 Golfo Ártabro Sur.

Aos proxectos aprobados nesta convocatoria súmanse os preto de 390 desenvolvidos no período 2016-2019 que contaron cun total de axuda pública de máis de 24 millóns de euros, e mobilizaron máis de 34 millóns de euros de investimento privado. Isto supuxo un investimento total de preto de 60 millóns de euros.

Na videoconferencia de hoxe entre a conselleira do Mar e os representantes dos GALP tamén se trataron diferentes aspectos relacionados coa continuidade das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) que desenvolven os grupos para os anos 2021 e 2022.

Bandera Unión Europea