Os grupos de acción local do sector pesqueiro contan cun apoio da Xunta de máis de cinco millóns de euros para o desenvolvemento do seu labor ata o 2022

26 de Decembro de 2020
Con estas achegas búscase que estas entidades poidan proseguir coa implementación das estratexias no territorio e coa selección de novos proxectos que contribúan ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca
FEMP

Os oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia contan cun apoio da Xunta de máis de cinco millóns de euros para garantir a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Deste xeito, os grupos poderán seguir coa implementación das súas estratexias de desenvolvemento local participativo nos distintos territorios a través da selección de novos proxectos que contribúan ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca.

Así foi trasladado aos grupos pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, na videoconferencia que mantivo esta semana cos seus representantes e na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O reparto desta contía materialízase a través dunha addenda ao convenio tipo de colaboración entre a Consellería do Mar e os grupos, que foi aprobada hai uns días polo Consello da Xunta.

Con esta aportación os GALP poderán seguir xestionando e controlando as axudas que se tramiten a través deles para continuar cos proxectos que se enmarcan nas súas estratexias e asegúrase o seu normal funcionamento nos anos 2021 e 2022. Os proxectos dos grupos para os que se contempla a concesión de axudas están destinados a dar resposta a desafíos relacionados co desenvolvemento económico e social das comunidades locais do litoral e coa mellora da sustentabilidade ambiental.

En relación á convocatoria de 2020 de achegas a estes proxectos, a Consellería do Mar vén de aprobar 128 iniciativas por valor de máis de 7,3 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Estas achegas catalizaron nesta convocatoria un investimento total de máis de 12 millóns de euros, ao sumar os preto de cinco millóns de aportación privada.

Entre o 2016 e o 2020 os GALP desenvolveron preto de 500 proxectos que contaron cun total de axuda pública de máis de 31 millóns de euros e mobilizaron preto de 41 millóns de euros de investimento privado. Isto supuxo un investimento total de arredor de 72 millóns de euros.