Os grupos de acción local do sector pesqueiro contan con máis de 16 millóns de euros de apoio da Xunta para desenvolver proxectos no litoral galego

17 de Xuño de 2021

Susana Rodríguez expuxo que o crédito inicial da convocatoria de axudas de 2021 aos proxectos dos GALP era de 15,3 millóns de euros e que se incrementou en máis de 700.000 eurosOs grupos de acción local do sector pesqueiro contan con máis de 16 millóns de euros de apoio da Xunta para desenvolver proxectos no litoral galego

  • Entre os anos 2016 e 2020 desenvolvéronse con estas achegas preto de 500 proxectos, que contaron cun total de axuda pública de máis de 30 millóns de euros
  • Por outra banda, a directora xeral de Pesca sinalou que Galicia foi unha das poucas comunidades que habilitaron en 2020 apoios directos ao marisqueo a pé para facer fronte ao impacto económico da inactividade derivada da Covid-19

A Xunta destina máis de 16 millóns de euros aos proxectos dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia no marco da convocatoria de axudas deste ano dirixida ás iniciativas destes grupos e que buscan dar resposta a desafíos relacionados co desenvolvemento económico e social das comunidades locais do litoral e coa mellora da sustentabilidade ambiental.

Así o sinalou hoxe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, onde especificou que estas achegas son para proxectos dos GALP que favorezan a creación de emprego, a atracción de xente nova ao sector, a diversificación da actividade ou o aproveitamento do patrimonio medioambiental, entre outros aspectos.

Tamén explicou que o crédito inicial da convocatoria de axudas deste ano experimentou unha ampliación, pois era de 15,3 millóns de euros e ampliouse en máis de 700.000 euros co obxectivo de atender un maior número de solicitudes de axuda.

Ademais Susana Rodríguez lembrou que con estas achegas da Xunta desenvolvéronse entre os anos 2016 e 2020 preto de 500 proxectos, que contaron cun total de axuda pública de máis de 30 millóns de euros e cun investimento global de máis de 70 millóns de euros.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro tamén recordou que en decembro de 2020 se asinaron addendas aos convenios de colaboración entre a Consellería do Mar e os oito GALP, o que permitiu por a disposición dos grupos máis de cinco millóns de euros para garantir a continuidade da súa actividade durante os este ano e 2022. Deste xeito, poden seguir coa implementación das súas estratexias de desenvolvemento local participativo nos distintos territorios a través da selección de novos proxectos que contribúen ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca.

Apoios ao marisqueo
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou pola súa banda que Galicia foi unha das poucas comunidades que habilitaron en 2020 apoios directos para o sector do marisqueo a pé co obxectivo de facer fronte ao impacto económico da inactividade derivada da alerta sanitaria. Trátase dunha medida que foi posible grazas aos cambios realizados no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) coa finalidade de atallar os efectos da pandemia e que o Executivo galego ten previsto volver a realizar no segundo semestre deste ano.

A representante da Consellería do Mar detallou que na convocatoria do ano pasado se aprobaron 171 axudas por un importe total de algo máis de 142.000 euros e confiou en que na próxima poida haber máis beneficiarios. Neste sentido, Mercedes Rodríguez lembrou que a contía sobrante da convocatoria de axudas de 2020 se vai destinar ao sector marisqueiro, ao igual que se fai con outros apoios que contribúen ao desenvolvemento da súa actividade como son as de vixilancia e asistencia técnica ou de rexeneración dos bancos marisqueiros.

Bandera Unión Europea