As organizacións de produtores pesqueiros poderán beneficiarse de máis de 2,2 millóns de euros de axudas

24 de Xullo de 2018

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2018 para a preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización e para a creación ou reestruturación destas organizacións

Axudas
  • Son obxecto de subvención da liña destinada ao apoio dos plans de produción e comercialización aqueles investimentos relativos ao período entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017
  • Esta é a primeira convocatoria na que se inclúen axudas para apoiar a creación ou reestruturación destas organizacións e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros
  • Para esta convocatoria o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2018 de axudas a organizacións de produtores pesqueiros para apoiar a preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización e para a creación ou reestruturación destas organizacións e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros. A ambas liñas de axudas, a Consellería do Mar destina máis de 2,2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Poderán beneficiarse delas as organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores de Galicia inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores.

Por unha banda, á liña de apoio aos plans de produción e comercialización destínanse 1,8 millóns de euros e ten como obxecto de subvención os investimentos relativos á preparación e desenvolvemento dos plans e ás actuacións iniciadas dende o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017 como gastos de persoal, de material e de equipamento.

Por outra banda, á liña de apoio á creación ou reestruturación destas organizacións e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros destínase unha contía de 400.000 euros. Esta liña de axudas convócase por primeira vez ao amparo do FEMP.

Os interesados en solicitar as axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesarios na orde que publica hoxe o DOG. Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir de mañá. A presentación das solicitudes realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

As organizacións de produtores
O marco normativo europeo actual reforza as actividades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura e facilita a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar un cometido máis importante na xestión da pesca, exercendo as súas actividades pesqueiras e da acuicultura de forma sustentable e mellorando a comercialización dos produtos.

Os seus plans de produción e comercialización inclúen, entre outros aspectos, o programa de produción para as especies capturadas ou criadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás esixencias do mercado e medidas preventivas especiais de adaptación da oferta para as especies que presentan dificultades de comercialización durante o ano.

Bandera Unión Europea