Once confrarías e unha asociación de armadores reciben preto de 650.000 € para acometer melloras en infraestruturas e equipamentos de lonxas e portos

19 de Febreiro de 2024

O DOG recolle 17 proxectos que acadaron as axudas e permiten avanzar na seguridade e condicións de traballo dos profesionais do mar, na eficiencia enerxética e protección ambiental, así como na conservación do peixe e marisco e a súa trazabilidade

 

Once confrarías e unha asociación de armadores reciben preto de 650.000 € para acometer melloras en infraestruturas e equipamentos de lonxas e portos
  • Financiadas agora co Fempa, nas anteriores edicións baixo o Fondo Europeo, Marítimo e de Pesca (FEMP) apoiáronse 470 actuacións colectivas por 21 millóns de euros

  • A Xunta destinará a esta liña de acción arredor de 10 millóns de euros ata 2025 coa novidade de favorecer medidas que preparan as dársenas fronte ao cambio climático

A Consellería do Mar publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da segunda convocatoria para 2023 das axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, polas que once confrarías e a Asociación de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) contarán cun total próximo aos 650.000 euros para cometer iniciativas que lles permitirán avanzar na seguridade e condicións de traballo dos profesionais do mar e na eficiencia enerxética e protección ambiental, na conservación das descargas de peixe e marisco e a súa trazabilidade.

Tras a última convocatoria amparada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que propiciou 73 actuacións por un importe superior aos 4,2 millóns de euros e se resolveu no primeiro semestre de 2023, a primeira baixo a financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) viña a completar os proxectos presentados o ano pasado.

Favorécese tras esa segunda resolución unha iniciativa de ARVI que contará con 114.700 euros de apoio, dúas actuacións do pósito de Cambados que suman 107.580 euros e outras dúas de Ares con preto de 91.700 euros. Cangas rolda un apoio de 73.730 euros e as outras confrarías con respaldo de diferente contía son as de Sada, Barallobre, Camariñas, Lira, Burela Santa Tecla, Pontedeume e Vilaxoán.       

O Fempa cubre o 70% do investimento e a Xunta o 30% restante. Destas axudas benefícianse tanto as confrarías de pescadores como as agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores de pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. Trátase de convocatorias vivas que suman novos investimentos cada ano que se adaptan ás necesidades do sector.

De feito, despois de que na primeira convocatoria para 2023 se incluíran como subvencionables novas actuacións en materia de protección do medio ambiente e para contribuír a reducir a pegada de carbono, na segunda baixo, xa baixo o novo fondo europeo, promóvense actuacións nos peiraos e resto de instalacións portuarias e de primeira venda de peixe co fin de estar mellor preparadas para afrontar as inclemencias meteorolóxicas.

Desde a Consellería que dirixe Alfonso Villares considérase necesario establecer mecanismos de reforzo e modernización de infraestruturas e instalacións de portos pesqueiros, fondeadoiros e lugares de desembarque para afrontar eventos inesperados que permitan mitigar as consecuencias do cambio climático, contribuíndo a desenvolver portos resilientes.

Apoio pasado, presente e futuro

Baixo o amparo do FEMP, as convocatorias anteriores postas en marcha desde 2016 permitiron apoiar 468 proxectos colectivos por un importe superior aos 21 millóns de euros. Dentro destas actuacións houbo un total de 48 para proxectos de eficiencia enerxética e protección do medio ambiente que mobilizaron preto de 3,5 millóns de euros. Na actualidade e con cargo ao Fempa está aberta a convocatoria para este ano, que será única, e o prazo para presentar candidaturas remata este próximo día 29 de febreiro.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro prevé destinar entre 2023 e 2025 un total de 10 millóns de euros a estes obxectivos colectivos de modernización das instalacións que utilizan os profesionais do mar nos portos, unha estratexia que se integra nun ambicioso Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030 que permitirá, xunto a Portos de Galicia, mobilizar investimentos totais cercanos aos 35 millóns de euros.

Bandera Unión Europea