O valor económico das exportacións de conserva de Galicia aumentou en preto dun 10% no 2016

28 de Setembro de 2017
Mercedes Rodríguez destacou o apoio da Xunta a este sector a través do Plan estratéxico da conserva galega horizonte 2020, que busca mellorar a súa competitividade. En relación á frota que faena en augas internacionais aclarou que son as normas comunitarias as que non permiten a aplicación de certos réximes de excepcionalidade, incluíndo os beneficios sociais e fiscais. Isabel Concheiro insistiu na transparencia do procedemento de consulta pública realizado para o concurso dos helicópteros de Gardacostas. En canto á ameixa fina, Susana Rodríguez sinalou que a Consellería do Mar está a desenvolver un programa específico para a conservación e restauración da biodiversidade, que contempla a repoboación desta especie

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe no Parlamento o incremento dun 10% do valor económico das exportacións da industria conserveira galega no ano 2016 con respecto ao ano 2015. Un aumento que tamén se dá en termos de volume, onde a cifra se incrementou en preto dun 7%. De feito, engadiu, o 80% do volume das exportacións españolas deste sector corresponden a Galicia, que o ano pasado exportou máis de 138.500 toneladas por un valor de 560 millóns de euros.

Así o sinalou en resposta a unha pregunta relacionada coa evolución deste sector en Galicia, sobre o que tamén destacou que representa o 86,5% da produción española e o 85% da facturación. Cifras coma estas, subliñou, fan de Galicia a primeira rexión europea e segunda mundial en produción de conservas de peixe e marisco.

Esta tendencia positiva da evolución do sector mantense no primeiro semestre de 2017, “o mellor semestre exportador dos últimos dez anos, o que é moi positivo”, subliñou. Isto é posible, indicou Mercedes Rodríguez, “grazas ao esforzo do sector e da administración para acceder aos mercados internacionais”. Tamén, “grazas á aposta das empresas pola I+D+i, que converten ao noso país en referente mundial en variedade e presentacións e preparados”, engadiu.

En relación á administración, destacou o apoio da Xunta á industria conserveira galega a través do Plan estratéxico da conserva galega horizonte 2020, presentado a comezos do mes de agosto. Unha ferramenta, expuxo, que ten como misión “aumentar o peso da industria conserveira no conxunto da economía galega e mellorar a posición competitiva desta industria nos mercados europeo e internacional”.

En canto aos réximes de excepcionalidade e beneficios sociais e fiscais de frotas como a de arrastre de grande altura e o cerco conxelador, Mercedes Rodríguez, sinalou en resposta a outra pregunta que a Xunta defende a protección da frota que faena en augas internacionais, con independencia da súa modalidade de traballo. Non obstante, explicou que son as normas comunitarias as que non permiten a aplicación de certos réximes de excepcionalidade, incluíndo os beneficios sociais e fiscais a modalidades coma o arrastre. Neste sentido, lembrou o labor da Xunta contra a aplicación de limitacións ás pesqueiras en augas internacionais, como a prohibición do cercenamento das aletas de quenlla ou o intento de prohibición do arrastre en augas profundas.

En resposta a outra pregunta sobre a xestión da lonxa de Vigo, a directora xeral de Pesca expuxo que nestes momentos esta é a única lonxa de Galicia xestionada por un organismo público, que é a Autoridade Portuaria de Vigo. Neste sentido, aclarou que non se iniciaron trámites para outorgar a xestión da lonxa de Vigo en concesión. Ademais, en relación á composición do consello de administración desta autoridade portuaria, destacou que o Goberno galego está representado dende hai tempo, o que reflicte “un claro compromiso da Xunta coa cidade de Vigo e co seu porto”.

Xubilación tripulantes e helicópteros

Por outra banda, en relación a unha pregunta sobre o coeficiente redutor de xubilación dos tripulantes de buques palangreiros e arrastreiros de altura e grande altura, a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, sinalou que a Xunta continuará traballando para que os tripulantes destes buques se sigan beneficiando do tipo máximo de coeficiente redutor (o 0,4). Farao indicou, “reiterando esta cuestión ante o Goberno central cantas veces sexa necesario”.

Ademais lembrou que na Comisión sectorial de política social e seguridade na frota do Consello Galego de Pesca, que se celebrou esta semana, acordouse trasladar ao Consello Galego de Pesca a posibilidade de traballar nunha proposta conxunta de modificación da regulación dos coeficientes redutores de xubilación co obxecto de trasladala ao Instituto Social da Mariña (ISM) do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

En resposta a outra pregunta sobre os helicópteros do servizo de Gardacostas, Isabel Concheiro, insistiu na transparencia do procedemento de consulta pública realizado para o concurso, unha opción que se considerou necesaria ao quedar deserto o contrato anunciado en abril, explicou. Da información aportada nesta consulta pública, expuxo, extraéronse os datos para determinar os prezos de licitación da nova convocatoria engadindo os custes en concepto de gastos xerais e de beneficio industrial.

Neste sentido, insistiu en que o contrato non supón un encarecemento do servizo, todo o contrario, sinalou, xa que ten un custo inferior. De feito, en comparación co contrato subscrito en 2012, que é o actualmente en vigor, a nova licitación suporá un aforro de 700.000 euros anuais, que se traducen en 2,4 millón de euros de aforro no período total de vixencia do contrato.

Ameixa fina

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, respondeu a unha pregunta sobre as capturas de ameixa fina e explicou que existen indicios de que o cambio climático pode estar influíndo negativamente no desenvolvemento das poboacións. Non obstante, aclarou, non hai traballos científicos publicados que vinculen de xeito definitivo os dous fenómenos.

Ademais sinalou que a Consellería do Mar está a desenvolver un programa específico para a conservación e restauración da biodiversidade no marco das actividades marisqueiras, que contempla a repoboación de especies autóctonas, entre elas, a ameixa fina. A isto súmanse, engadiu, a orde de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables. Unha orde que conta cun importe de 2,3 millóns de euros na convocatoria de 2017.