O Plan Estratéxico da Conserva de Galicia 2022-2030 aposta por impulsar a internacionalización e a innovación no sector

27 de Xaneiro de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica respondeu na Comisión 8ª a unha pregunta relacionada coa nova folla de ruta da industria

Consellería do Mar
  • Esta ferramenta elaborada pola Xunta e o sector busca actuar en sete eixos, que son a financiación, a produción, a comercialización, a internacionalización, a I+D+i, o emprego e a reputación social
  • Antonio Basanta puxo de relevo a necesidade de apostar pola seguridade xurídica da industria a través do ámbito lexislativo co fin de dar continuidade á actividade e captar investimentos produtivos
  • Destacou o apoio económico de 135 millóns de euros que Galicia porá a disposición do sector transformador -no que se inclúe o conserveiro- a partir de 2022 sumando o actual fondo e os recursos do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo que o Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 busca impulsar aspectos como a internacionalización e a innovación neste sector clave para a economía de Galicia.

Para iso, engadiu, esta ferramenta -elaborada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco-Cecopesca)- inclúe arredor de 80 medidas para consolidar Galicia como referente mundial neste eido. Nesta liña, explicou que esta folla de ruta busca actuar en sete eixos, que son a financiación, a produción, a comercialización, a internacionalización, a I+D+i, o emprego e a reputación social.

A eles súmanse propostas específicas para diversificar os mercados, poñer en valor a produción de proximidade, avanzar na dixitalización e no uso das novas tecnoloxías e da economía circular nas conserveiras, reforzar o atractivo laboral e garantir a remuda xeracional, entre outros aspectos.

Ademais, o director xeral engadiu a aposta pola seguridade xurídica da industria a través do ámbito lexislativo co fin de dar continuidade á actividade e captar investimentos produtivos. Neste eido puxo como exemplo a Lei de Ordenación do Litoral na que está a traballar Galicia.

Tamén puxo de relevo os apoios impulsados pola Xunta para o sector transformador de produtos do mar -no que se inclúe a conserva- e especificou que a partir de 2022 se porán á súa disposición 135 millóns de euros, tanto con fondos do actual FEMP como cos do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).

Unha aposta, incidiu o director xeral, que busca corresponder o potencial da industria conserveira galega, que supón arredor do 85% da produción española, factura 2.500 millóns de euros e xera 12.000 empregos. Ademais subliñou que sete de cada dez quilos de conserva exportados en España saen de Galicia.

Bandera Unión Europea