O Centro de Formación A Aixola imparte cinco novos cursos con 60 prazas dirixidas ao sector pesqueiro

09 de Setembro de 2021

As clases, gratuítas e dirixidas a persoas vencelladas co eido marítimo, desenvólvense entre setembro e decembro deste ano na súa sede do porto de Marín e nalgunhas accións formativas aínda hai prazo para inscribirse

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, imparte cinco novos cursos cunha oferta de 60 novas prazas entre este mes e decembro na súa sede do Porto de Marín (Pontevedra).

Esta actividade formativa ten carácter gratuíto e está dirixida a operarios do sector pesqueiro así como a pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A preinscrición aínda está aberta a través da páxina web do centro (http://aixola.cetmar.org).

Nos primeiros días de setembro comezaron os cursos de Innovación en madeira. Autoconstrución (o día 1) e o de Confección e mantemento de artes e aparellos, que comezou o día 6 e permitirá a obtención do certificado profesional. Hoxe comezou a formación de Velaría e acastillaxe e o día 13 farao a de Laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval mentres que o día 20 dará comezo a de Instalación eléctrica naval en barcos de pequena potencia. Nestes tres últimos cursos aínda quedan prazas dispoñibles.

O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación participando nun módulo de carácter voluntario con titorías personalizadas sobre a elaboración de currículos, a busca de emprego a través de internet e a orientación ao autoemprego. A preinscrición para participar nesta programación formativa está aberta a través da páxina web da Aixola, onde hai máis información sobre os contidos dos cursos.

A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é a aprendizaxe baseada no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía de ensino, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.