Martina Aneiros pon en valor as últimas actuacións realizadas pola Confraría de Cedeira nos equipamentos pesqueiros e instalacións portuarias

18 de Outubro de 2023

Os traballos de mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e vinculadas á calidade e trazabilidade dos produtos desembarcados da pesca foron cofinanciados pola Consellería do Mar

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Cedeira, acompañada da vicepatroa, Magdalena López, e da xefa territorial da Consellería do Mar en Celeiro-Lugo, María del Carmen Gueimunde, coa fin de poñer en valor as últimas actuacións realizadas nos equipamentos pesqueiros e instalacións portuarias do municipio.

Aneiros tivo a oportunidade de coñecer os proxectos de modernización de infraestruturas que se acometeron na lonxa con cargo ás axudas da consellería para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca, cofinanciados polo fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Este mesmo ano leváronse a cabo obras con cargo a estas axudas incluídas no Programa de Equipamentos nos Portos Pesqueiros de Galicia 2016-2023 por valor de 38.600 euros. Inclúese unha axuda de 3.228 euros para a modernización do sistema de apertura da fábrica de xeo que tamén se está a dotar dunha instalación de enerxía fotovoltaica gracias a unha achega autonómica de 32.356 euros. Ademais concedéuselle outra axuda de preto de 3.000 euros para a adquisición dunha máquina hidrolimpadora para a lonxa.

Tal e como lembrou a delegada, a Confraría de Pescadores de Cedeira é unha das entidades da provincia que más axudas recibiu ao abeiro deste Programa de Equipamentos nos Portos Pesqueiros. Concretamente lle foron concedidos preto de 570.000 euros en axudas. A achega de maior importe, 507.700 euros, percibiuna en 2020 para a mellora da eficiencia enerxética da fábrica de xeo mediante a renovación de parte da instalación frigorífica.

 

Novo Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030

A Consellería do Mar presentou recentemente o Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030, onde se recolle a estratexia para o que resta de década en materia de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. O documento reflicte que o conxunto das actuacións a realizar tanto polo sector como pola Xunta contará a partir do próximo ano con máis de 34,7 millóns de euros en recursos, onde o 70 % virán da man do novo Fondo europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) e o resto (dez millóns de euros) serán fondos propios da Consellería. 

A delegada territorial destacou que a cantidade destinada a este tipo de dotacións é case un 63 % superior ao apoio mobilizado para estas actuacións entre 2016 e 2023. Durante este tempo, marcado polo programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que agora finaliza o seu percorrido, mobilizáronse máis de 21,3 millóns de euros en preto de 470 actuacións.

Bandera Unión Europea