Mar duplica a oferta formativa en portos e confrarías en relación ao ano pasado

20 de Xuño de 2017
Entre xaneiro e xuño deste ano ofertou un total de 95 cursos, fronte aos 43 que se impartiron no 2016. A titular de Mar destacou o esforzo da Consellería para ofrecer unha formación adaptada ás necesidades formativas do sector polo litoral de Galicia .
Mar duplica a oferta formativa en portos e confrarías en relación ao ano pasado

A Consellería do Mar ofertou entre xaneiro e xuño deste ano un total de 95 cursos de formación nos portos e confrarías de pescadores, dos que se levan beneficiado máis de 1.200 alumnos e alumnas. Esta cifra duplica á de cursos realizados o ano anterior, no que se impartiron 43 cursos, dos que se beneficiaron máis de 700 alumnos e alumnas. Así o destacou esta tarde a conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Pontevedra, nunha visita realizada esta tarde ao curso de formación sanitaria específica inicial que se realiza na confraría de pescadores de San Telmo.

Este curso de formación sanitaria, explicou a conselleira, está destinado a capacitar aos tripulantes cuns coñecementos sanitarios básicos en materia de primeiros auxilios e coidados médicos. É dicir, subliñou, coñecementos que lles permitan enfrontarse con garantías ante circunstancias de enfermidade ou accidente laboral dun compañeiro a bordo da embarcación.

A conselleira expuxo ademais que, a maiores dos cursos que se impartiron e se están impartindo, para este ano están pendentes de programar os correspondentes ao período comprendido entre agosto e decembro. Neste sentido, destacou o esforzo da Consellería do Mar para unha formación adaptada ás necesidades do sector en distintos lugares do litoral de Galicia. Unha formación, subliñou, que se suma á regrada, propia dos centros oficiais dependentes da Consellería do Mar e que favorece o seu incremento, tanto en número como en variedade de tipo de cursos.

En relación aos tipos de cursos que se ofertan nos portos e confrarías, a conselleira explicou que, ademais dos de formación sanitaria específica inicial, tamén se imparten outros como o de mariñeiro pescador, formación básica en seguridade, patrón local de pesca, formación sanitaria avanzada e operador do Sistema mundial de socorro e seguridade marítimos restrinxido (GMDSS). Outros cursos que se imparten tamén son os avanzados de loita contra incendios e de embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos. A maiores destes cursos, nas confrarías realízanse outros de certificado de mariscador e de percebeiro.

Ademais Rosa Quintana lembrou que ás accións formativas impartidas nos portos e ás da Aula de Seguridade da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, a Consellería do Mar destina máis de 800.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o período de outubro de 2016 a decembro de 2017. Por último a conselleira destacou que entre a oferta formativa de portos e confrarías e a dos centros dependentes da Consellería do Mar, no período que vai de xaneiro a xuño lévanse beneficiado dela preto de 2.300 alumnos e alumnas.