Máis do 60% dos plans de xestión marisqueira inclúen a participación do sector na recollida de lixo mariño

01 de Xuño de 2021

Isto súmase ás accións que se están a desenvolver nos bancos marisqueiros ao abeiro da orde de axudas destinadas a este tipo de labores coas que no 2020 os profesionais do sector recolleron arredor de 40 toneladas de residuos

  • A directora xeral de Pesca expuxo que un total de 96 buques palangreiros se beneficiaron das axudas convocadas pola Xunta no ano 2020 para paliar as dificultades de comercialización derivadas da pandemia de covid-19
  • En canto ao polbo, Mercedes Rodríguez lembrou que os desembarques do mes de marzo son superiores aos do ano pasado e os recrutamentos duplican os de 2020 superando a media da serie histórica, que se remonta a 2005

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, salientou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo o elevado grao de implicación do sector marítimo-pesqueiro na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Nesta liña subliñou que máis do 60% dos 94 plans de xestión do marisqueo aprobados no Plan xeral de explotación desta actividade, é dicir 57, inclúen a participación dos profesionais na recollida de lixo mariño.

Isto súmase ás accións que se están a desenvolver nos bancos marisqueiros ao abeiro da orde de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar. Estas achegas, explicou Susana Rodríguez, convocáronse por primeira vez o ano pasado, están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e dirixidas ás confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector, ás organizacións non gobernamentais (ONG) xunto ás entidades do sector ou ás ONG da man dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Nesta liña, lembrou que na convocatoria do ano pasado a Xunta aprobou seis proxectos por un valor total de axuda de máis de 275.500 euros. Destes proxectos tres eran de recollida activa de lixo por parte dos mariscadores e dous deles son plurianuais e rematarán este ano. Con estes proxectos, no ano 2020 preto de 170 mariscadores e dúas embarcacións das confrarías de Cedeira, Noia e Vigo recolleron en 21 días case 40 toneladas de lixo nas súas zonas de produción.

As outras tres iniciativas aprobadas eran de recollida pasiva, é dicir, a retirada de lixo realizada polos profesionais da pesca e do marisqueo durante a actividade ordinaria da pesca e do marisqueo. Destes proxectos desenvolvéronse dous nos que o ano pasado realizaron recollida pasiva oito embarcacións e 243 profesionais do marisqueo a pé durante 52 días.

Todos estes proxectos abarcan ademais accións de concienciación ambiental e de formación relacionada co manexo e xestión de residuos que axuden á redución do lixo no mar e na costa. A maiores inclúen a elaboración de materiais educativos e de sensibilización orientados aos axentes marítimo-pesqueiros, engadiu Susana Rodríguez.

En relación á convocatoria deste ano, que está en trámites de resolución, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comentou que o importe destinado é de 980.000 euros e informou de que se presentaron nove proxectos dos cales oito son de recollida activa de residuos.

Palangre
Por outra banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica informou de que un total de 96 buques palangreiros se beneficiaron das axudas convocadas pola Xunta no ano 2020 para paliar as dificultades de comercialización ocasionadas como consecuencia da pandemia de covid-19.

Estas achegas, lembrou Mercedes Rodríguez, enmárcanse no plan para a dinamización do complexo mar-industria Avantemar e financiáronse con fondos propios do Executivo galego As solicitudes aprobadas supuxeron un importe total de case 2,4 millóns de euros e foron aboadas a finais de decembro de 2020. A contía da subvención era de 25.000 euros por buque, sen que en ningún caso puidese superar cada empresa armadora solicitante os 120.000 euros, detallou a directora xeral.

Ademais sinalou que en concreto estes apoios ían dirixidos ás persoas armadoras de buques pesqueiros (3ª lista) do Censo unificado de palangre de superficie que conten con autorización de primeira venda de produtos da pesca conxelada, con domicilio social en Galicia e que figuren inscritas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

Polbo
En resposta a outra pregunta relacionada coas capturas de polbo, especie que actualmente está en veda, Mercedes Rodríguez salientou que o volume de capturas rexistrado nas últimas semanas da campaña 2020-2021 foi positivo e que os datos concretos de marzo superaron os obtidos no mesmo mes do ano pasado e tamén os de marzo de 2017, unha campaña que foi histórica. En canto ao índice de recrutamento (o número de exemplares de peso igual ou inferior a 300 gramos cada 100 nasas), subliñou que os datos deste ano duplican os do ano pasado e están por enriba da media da serie histórica, que comeza en 2005.

A directora xeral de Pesca destacou que a campaña 2020-2021 do polbo foi anómala, cun baixo nivel de capturas, e lembrou que a evolución da especie adoita ser cíclica e que depende en boa medida de distintos factores ademais da actividade pesqueira, como son os medioambientais e os climatolóxicos.