Galicia representa ás comunidades autónomas españolas en materia de pesca no Consello de Ministros da Unión Europea

14 de Outubro de 2019
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Luxemburgo xunto co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que continuará mañá.
 Galicia representa ás comunidades autónomas españolas en materia de pesca no Consello de Ministros da Unión Europea

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Luxemburgo xunto co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que continuará mañá. Galicia asiste a este encontro en representación do resto das comunidades autónomas españolas en materia de pesca. Na xornada de hoxe analizáronse as propostas de cotas de pesca para o mar Báltico, unha zona na que Galicia apenas ten intereses pero que serven como indicador das medidas de xestión que se van adoptar nas pesqueiras de cara ao próximo ano e que poden dar idea de como será a negociación das cotas de pesca de cara a 2020 no tradicional Consello de Ministros de Pesca de decembro.

A Xunta sempre defendeu que as variacións nas cotas non deben ser superiores ao 15%, nin á alza nin á baixa, co obxectivo de acadar unha sustentabilidade social, económica e medioambiental en augas do Atlántico e é a postura que manterá Galicia no decisivo Consello de Ministros de Pesca de decembro. Na sesión de mañá os ministros de pesca da UE debaterán entre outros asuntos sobre o enfoque do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e sobre as consultas anuais de 2020 da UE con Noruega.