Galicia repoboou os seus bancos marisqueiros con máis de 191 millóns de unidades de semente de ameixa desde 2010

25 de Febreiro de 2021

Trátase do resultado de sementeiras realizadas polo sector marisqueiro ao abeiro das axudas para mellorar a produción das súas zonas de traballo e para protexer os ecosistemas coas que tamén se subvencionan outras actuacións como a achega de áridos para promover a reprodución de organismos mariños

Consellería do Mar
  • A Xunta destina un millón de euros á convocatoria de 2021 de achegas a proxectos colectivos para a conservación e restauración de biodiversidade e 300.000 euros ás accións para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción
  • Estas dúas liñas de axudas poden ser empregadas polo sector para paliar os efectos nos bancos marisqueiros de episodios como os temporais rexistrados nas últimas semanas

A Consellería do Mar subvencionou a repoboación de bancos marisqueiros con máis de 191 millóns de unidades de semente de ameixa desde o ano 2010. Trátase do resultado de sementeiras realizadas polo sector marisqueiro ao abeiro das axudas para mellorar a produción das súas zonas de traballo e para protexer os ecosistemas. Estes apoios son os destinados a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e os dirixidos a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción, financiados integramente con fondos propios.

Así o reflicten dous informes analizados hoxe no Consello da Xunta sobre sendas liñas de axudas que teñen como beneficiarias ás confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector que sexan titulares de plans de xestión de recursos marisqueiros.

A maioría das repoboacións foron realizadas no marco da orde de achegas para a conservación e restauración de biodiversidade, cofinanciada co FEMP, e nelas as entidades beneficiarias levan sementado desde 2010 máis de 173 millóns de unidades de semente de ameixa. Con esta liña de axudas tamén se subvencionan outras accións como a achega de áridos e a descompactación de substrato para promover a reprodución de organismos mariños. A través de todas estas tarefas na última década rexenerouse unha superficie marisqueira de preto de 8,5 millóns de metros cadrados.

O resto das sementeiras desenvolvéronse co apoio da liña destinada a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción. Estas axudas convocáronse por primeira vez no 2020 e con elas sementáronse máis de 18 millóns de unidades de semente de distintos tipos de ameixa nunha superficie de preto de 500.000 metros cadrados.

As convocatorias de 2021 de ambos tipos de achegas publicáronse a principios deste mes no Diario Oficial de Galicia. A destinada a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles conta cun orzamento dun millón de euros. Entre as actuacións subvencionables que inclúe están a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, polo que permite as sementeiras para recuperar os bancos que presenten elevadas mortalidades. A elas súmanse outras accións como as destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras ou a reducir a contaminación. O importe máximo subvencionable por proxecto é de 75.000 euros (sen IVE).

A segunda liña de apoios, cun orzamento de 300.000 euros, é para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción das especies obxectivo polo menos nos últimos 12 meses anteriores á data de solicitude. Neste caso o importe máximo subvencionable por proxecto será de 15.000 euros (sen IVE).

Estas dúas liñas de axudas poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os temporais rexistrados nas últimas semanas que provocaron certa mortalidade nos bancos e debilitaron o marisco como consecuencia do seu desprazamento das zonas nas que estaba asentado así como pola baixa salinidade da auga.

Ambas permitirán ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras conservar o recurso, a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras e evitar a perda de zonas naturais. Ao mesmo tempo estes apoios contribúen ao desenvolvemento de proxectos para fomentar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia e unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, importante para o mantemento da biodiversidade dos ecosistemas.

Bandera Unión Europea