Galicia reafirma a súa aposta pola economía azul co inicio dos traballos para deseñar unha axenda a longo prazo para o seu desenvolvemento

16 de Xuño de 2022

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar inaugurou a xornada ‘Apoio á economía azul do Atlántico’

Galicia reafirma a súa aposta pola economía azul co inicio dos traballos para deseñar unha axenda a longo prazo para o seu desenvolvemento
  • A estratexia da Xunta estará orientada a aqueles sectores con vantaxes competitivas ou que poidan reportar maiores oportunidades á comunidade partindo das actividades tradicionais como a pesca e o marisqueo e chegando a outras complementarias
  • A secretaria xeral técnica subliñou que a comunidade aproveitará a experiencia acumulada con exemplos de éxito como o Plan Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo ou os grupos de acción local do sector pesqueiro

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022 A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, salientou hoxe a importancia que a economía azul vai ter no futuro das zonas costeiras e lembrou que Galicia vén de reafirmar a súa aposta neste eido ao comezar a desenvolver a súa propia axenda sobre a economía azul. Esta planificación estará orientada a aqueles sectores con vantaxes competitivas ou que poidan reportar maiores oportunidades á comunidade.

A representante do Executivo galego subliñou durante a inauguración da xornada Apoio á economía azul do Atlántico, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, que ese deseño parte das actividades tradicionais, como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, e chega a outras complementarias e compatibles como a biotecnoloxía, a construción naval ou o transporte marítimo. Neste sentido, indicou que é preciso aproveitar as oportunidades que xurdan e a experiencia de exemplos de éxito como o Plan Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo ou os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Por iso, Silvia Cortiñas incidiu relevancia de que este tipo de axentes, cunha dilatada traxectoria neste eido, aporten os seus coñecementos no deseño desa axenda da economía azul co obxectivo de aproveitar todos os recursos dispoñibles, como son os vencellados co Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) así como os doutros instrumentos financeiros europeos, españois e autonómicos.

A secretaria xeral técnica puxo de relevo a importancia da economía azul lembrando que máis do 70% da superficie do planeta está ocupada por auga e que os mares e océanos son motores de crecemento e innovación para un desenvolvemento sostible e rendible. De feito, salientou, se a economía azul fose comparable á de calquera país, sería a sétima potencia económica do mundo, formando parte do G-7.

Esa importancia tradúcese en cifras como que os sectores tradicionais da economía azul xeran un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e uns 4,5 millóns de empregos. Un peso que, detallou Silvia Cortiñas, supón unha oportunidade para Galicia, a primeira potencia pesqueira europea e que representa cerca do 50% do emprego no sector en España así como a décima exportadora mundial de produtos do mar, por diante de países como Xapón ou Islandia.

O evento

A xornada Apoio á economía azul do Atlántico está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela como coordinadora do proxecto Fundación da rede atlántica para a transferencia de tecnoloxía da economía azul (Fanbest). Nela, distintos representantes das entidades participantes no consorcio presentarán os resultados da iniciativa e lanzarán novos programas como parte da ampliación deste programa de traballo.

No encontro presentaranse as actividades que ofrecerán os socios do proxecto, como servizos de apoio á internacionalización, á transferencia de tecnoloxía, á promoción de fondos de capital privado ou a presentación da economía azul nas estratexias de especialización intelixente para o período 2021-2027. A xornada está dirixida aos axentes da economía azul das rexións atlánticas europeas e aos interesados nas estratexias e programas de apoio dispoñibles neste eido.