Galicia pon en valor a selectividade da pesca do cerco cunha campaña de promoción que tamén mira cara á remuda xeracional

02 de Xullo de 2021

A conselleira do Mar participou na presentación da campaña ‘O cerco, un xeito de vida’, da organización de produtores pesqueiros da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia

  • Rosa Quintana destacou o esforzo de Acerga para poñer en marcha a iniciativa O cerco, un xeito de vida, que se enmarca no plan de produción e comercialización da OPP e que conta con financiamento da Consellería do Mar
  • Con esta campaña Acerga busca difundir a actividade pesqueira sostible do cerco, os produtos que captura esta frota e o seu estilo de vida co fin de atraer ás novas xeracións con accións como un documental, un anuncio, un vídeo-recetario e a súa presenza en centros de educación primaria

A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o labor da frota do cerco que se caracteriza por traballar “cun produto de proximidade e moi selectivo debido á arte de pesca empregada” e por unha actividade sustentable e responsable nos eidos ambiental, económico e social. Así o destacou durante a presentación da campaña O cerco, un xeito de vida, da organización de produtores pesqueiros (OPP) da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) e que pon en valor a sustentabilidade da pesca do cerco e mira cara ao reto da remuda xeracional.

Alí a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e tamén aproveitou a ocasión para felicitar a Acerga polos tres anos que cumpre como OPP representando a máis de 100 asociados de toda Galicia “na defensa do cerco como arte de pesca e da actividade pesqueira”.

Ademais a titular de Mar destacou o esforzo desta asociación para poñer en marcha a campaña O cerco, un xeito de vida e darlle continuidade. Con esta iniciativa, que se enmarca no plan de produción e comercialización da OPP e que conta con financiamento da Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, Acerga busca destacar a importancia da actividade pesqueira sostible que desenvolven os seus asociados e os produtos que capturan. Tamén ten como finalidade difundir o estilo de vida do cerco para atraer aos máis novos, propiciando o relevo xeracional.

Eses fins reflíctense nas accións que forman parte da campaña, entre elas un documental para trasladar os obxectivos da iniciativa aos consumidores e a presenza nas escolas, onde comezou en 2020 e foi presentada en dous centros de educación primaria de Sada e A Coruña. Este ano, a iniciativa estivo en catro centros educativos de Malpica, Camariñas, Ribeira e Vigo. Para a súa presenza nas escolas a campaña conta cun caderno de aventuras, un vídeo e diferentes actividades e videoxogos, protagonizadas polo Xurelo Manolo e a Sardiña Albertiña.

O cerco, un xeito de vida tamén contén un anuncio e un vídeo-recetario no que se dá conta dos beneficios nutricionais dos produtos do cerco mediante a elaboración de receitas con especies como a sardiña, o xurelo e a boga, da man de Adrián Albino, do restaurante Niño Corvo.

Por último a conselleira do Mar puxo en valor a importancia de contar con iniciativas de promoción como esta, pois, a través dos medios dixitais e con distintas accións, axudan a difundir “o bo saber facer do sector”. Ademais agradeceu a Acerga o seu esforzo para sacar adiante esta campaña da que a súa presentación se tivo que pospoñer ata a actualidade debido ás restricións derivadas da situación da covid-19.

Bandera Unión Europea