Galicia participará na Conferencia Europea sobre fondos pesqueiros que se celebrará en Tallín a vindeira semana

08 de Outubro de 2017
Estará representada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, que participarán na primeira xornada deste evento que se celebrará na capital estonia o 12 e o 13 de outubro. Durante a conferencia exporanse en formato poster iniciativas escollidas pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas de aplicación dos fondos pesqueiros, entre elas a campaña Ponlle as pilas ao teu bocata, da Consellería do Mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participarán na conferencia sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que se celebrará en Tallín o 12 e o 13 de outubro e que organizan Estonia, como estado membro que preside a Unión Europea, e a Comisión Europea.

Así, o obxectivo deste evento é comprobar como o FEMP contribúe á implementación da Política Común de Pesca no actual período de programación (2014-2020). Ademais, supón unha oportunidade para debater sobre os retos de futuro das comunidades costeiras.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, intervirá na primeira xornada desta conferencia, a do 12 de outubro. Farao na sesión que terá lugar a partir das 11:00 horas e que versará sobre a contribución do FEMP aos obxectivos da Política Común de Pesca. A conselleira compartirá intervención neste bloque con outros participantes como o director xeral de Agricultura, Alimentación e Pesca de Irlanda, Paschal Hayes; coa directora xeral de Pesca de Chipre, Marina Argyrou; e coa directora da dirección D da DG MARE, Veronika Veits.

Por outra banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participará o mesmo día neste evento. Farao pola tarde, a partir das 16:30 horas nun dos diferentes talleres paralelos que se celebran no marco da conferencia e no que se abordará a aplicación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca desde a perspectiva local, é dicir a do desenvolvemento local das zonas de pesca para facer fronte a retos de futuro. Abordaranse diferentes exemplos de como o FEMP contribúe ao desenvolvemento económico e social destas áreas dependentes da pesca e da acuicultura.

Ademais durante esta conferencia exporanse en formato poster exemplos de iniciativas desenvolvidas por diferentes países e escollidas pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas de aplicación dos fondos pesqueiros. Entre eses posters figurará o da campaña Ponlle as pilas ao teu bocata, destinada a fomentar o consumo da conserva de produtos do mar entre a poboación infantil.