Galicia participa na Eurocámara nun debate sobre a importancia da formación a prol dunha pesca sostible

17 de Setembro de 2023

O proxecto Capturar o potencial, do que é socio o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, promove unha conferencia o vindeiro xoves sobre a relevancia da capacitación dos pescadores neste eido

  • O evento reúne en Bruxelas a expertos da Unión Europea, da Organización Marítima Internacional e da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), entre outros organismos

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, participará o próximo xoves na conferencia Das ondas á sabedoría: empoderar aos pescadores a través da capacitación en pesca sostible, organizada no marco do proxecto europeo Capturar o potencial: Establecer o estándar para a formación pesqueira sostible (CTP), no que participa como socio o organismo investigador con sede en Vigo.

O evento celébrase na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas en xornada de tarde e o programa inclúe a presenza de diferentes expertos que abordarán, entre outros asuntos, o impacto da pesca no ecosistema mariño e os problemas medioambientais actuais (a cardo da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE) ou o labor da Organización Marítima Internacional (OMI) sobre a formación dos pescadores.

A conferencia tamén analizará cuestións como o Convenio internacional sobre normas de formación, titulación e garda para o persoal dos buques pesqueiros, o Código de conducta para a pesca responsable da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) ou a implantación de programas de educación sostible para os profesionais do sector marítimo-pesqueiro.

Na segunda parte do evento os socios do proxecto Capturar o potencial darán conta dos avances acadados no seu traballo, das súas colaboracións e do impacto e resultados da formación nos pescadores, formadores e a industria pesqueira local. A conferencia finalizará cun panel de debate sobre a estandarización a nivel global da formación en materia de pesca sostible.

O proxecto Capturar o potencial: Establecer o estándar para a formación pesqueira sostible, é un proxecto coordinado pola Fundación Prosea e financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Desde 2019 traballa para o desenvolvemento dunha norma internacional que permita a capacitación dos pescadores en materia de pesca sostible.

Para cumprir ese obxectivo, os socios desta iniciativa -que se pode consultar na web do Cetmar ou na do propio proxecto- traballaron para establecer un marco de cooperación internacional entre o sector extractivo e os educadores en materia pesqueira a través dunha serie de seminarios de intercambio de información sobre as mellores prácticas e experiencias neste ámbito.

Tamén se organizaron varios cursos piloto para enfocar o desenvolvemento da norma, de maneira que sexa posible a súa aplicación en todas as pesqueiras e resulte adaptable ás particularidades de cada rexión. De feito, o Cetmar organizou dúas destas formacións en Galicia en colaboración co Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, tamén dependente da Consellería do Mar.

Bandera Unión Europea