Galicia impulsa un programa de traballo en rede con máis de 250 investigadores para o desenvolvemento sostible das actividades vencelladas co mar

27 de Xullo de 2022

A conselleira do Mar participou na presentación do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

Galicia impulsa un programa de traballo en rede con máis de 250 investigadores para o desenvolvemento sostible das actividades vencelladas co mar
  • Na iniciativa, que conta con 10 millóns de euros de financiamento, participan preto de 90 grupos de investigación das institucións galegas máis punteiras, incluídos seis centros dependentes da Xunta, as tres universidades públicas da comunidade e catro organismos dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas
  • O proxecto busca dar solución ás necesidades máis inmediatas do sector mariño galego mediante o desenvolvemento das tecnoloxías e a dixitalización aproveitando as sinerxías entre os investigadores e o tecido empresarial
  • O programa inclúe entre os seus obxectivos potenciar unha produción acuícola sustentable con medidas como a posta en marcha de ferramentas para o abastecemento estable de semente na produción de moluscos bivalvos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia -froito do traballo en rede de máis de 250 investigadores- onde salientou o potencial da comunidade no eido da investigación mariña e puxo este plan como exemplo da colaboración entre os distintos centros galegos para acadar un desenvolvemento sostible das actividades vencelladas co mar.

A representante do Executivo galego lembrou que esta iniciativa -financiada ao amparo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation Europe- conta coa participación de preto de 90 grupos de investigación pertencentes ás institucións galegas máis punteiras entre as que se atopan seis centros de investigación dependentes da Xunta (Cesga, Cetmar, CIMA, Igafa, Intecmar e Meteogalicia), as tres universidades públicas galegas e catro centros dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Este proxecto busca dar solución ás necesidades máis inmediatas do sector mariño galego mediante o desenvolvemento das tecnoloxías mariñas e a dixitalización, así como a educación ambiental, ao tempo que trata de fortalecer as sinerxías entre os axentes de investigación e o tecido empresarial para afrontar os retos futuros da pesca e a acuicultura, o turismo costeiro e mariño ou a economía azul.

A titular de Mar incidiu en que esta acción permitirá acadar un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico en ciencias mariñas adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia. Trátase dunha investigación multidisciplinar no eido das ciencias sociais e ambientais para acadar o desenvolvemento sustentable e resiliente da contorna costeira.

Un dos tres grandes retos do programa galego é desenvolver unha estratexia de gobernanza permanente da observación e monitorización do ecosistema mariño en todas as súas dimensións, o que permitirá obter a información necesaria para garantir un aproveitamento máis sustentable dos seus recursos. Nesta liña, a comunidade desenvolverá ferramentas e tecnoloxías innovadoras para construír unha plataforma de datos integrada no centro de supercomputación galego.

O plan tamén pretende potenciar unha produción acuícola sustentable mediante a mellora da investigación xenómica -para mellorar os resultados do sector-, desenvolver ferramentas para o abastecemento estable de semente na acuicultura de moluscos bivalvos, mellorar a prevención e control de patoloxías e xerar novos sistemas de cultivo sustentable baseados na acuicultura multitrófica.

O terceiro obxectivo é a transformación social e económica e a transferencia, capacitación e capitalización do coñecemento cara unha auténtica economía azul sustentable. Abordarase mediante unha investigación multidisciplinar no eido das ciencias sociais que inclúa ramas como a física, a química, a xeoloxía ou a bioloxía, entre outras.

A titular de Mar, que estivo acompañada por distintos responsables da Consellería, salientou que se trata dun programa pioneiro en España co que se aglutina a experiencia da comunidade científica e os intereses e necesidades da industria do mar. Ao longo desta mañá distintos expertos exporán as liñas de traballo que prevé o programa e a xornada será clausurada pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.

A Xunta lembra que a I+D+i é prioritaria para o sector, xa que lle permitirá posicionarse para gañar competitividade a futuro e avanzar en dar resposta a retos globais como a protección e xestión sostible dos ecosistemas mariños. Precisamente, a xestión innovadora dos recursos naturais, como a pesca ou a acuicultura, e a sostibilidade son prioridades da Estratexia Galega de Especialización Intelixente 2027 (RIS3), a estratexia global de Galicia para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sostible e de calidade a través da innovación.
 
O traballo de Galicia

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia forma parte dos Plans Complementarios previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado e  conta cun financiamento de 10 millóns de euros aportados polo Plan de Recuperación e por Galicia ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

O programa específico galego é o resultado do traballo en rede de máis de 250 investigadores da comunidade científica galega. De feito, o plan de Galicia está organizado en 11 áreas, 38 actuacións, 132 actividades e 293 tarefas e nel participan preto de 90 grupos de investigación de distintas institucións galegas, entre as que están as tres universidades públicas galegas, catro centros do Consello Superior de Investigacións Científicas e seis centros de investigación dependentes da Xunta.

Bandera Unión Europea