Galicia enxalza o rol das organizacións de produtores pesqueiros no desenvolvemento dunha actividade sustentable

31 de Xullo de 2019
A directora xeral de Pesca participou na presentación do primeiro Congreso Internacional de Organizacións de Produtores (OPP) Pesqueiros e Acuícolas
Galicia enxalza o rol das organizacións de produtores pesqueiros no desenvolvemento dunha actividade sustentable
  • A comunidade autónoma galega é a única que procedeu á convocatoria e abono das axudas aos plans de produción e comercialización das OPP de 2014 a 2017 por importe total de máis de 2,6 millóns de euros

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, puxo hoxe de relevo o papel das organizacións de produtores de pesca “no impulso das actividades pesqueiras viables e sustentables”. Neste sentido sinalou que son elementos claves da Organización Común de Mercados e que teñen como obxectivo evitar e reducir as capturas non desexadas, contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e á eliminación da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

Para cumprir eses obxectivos, sinalou Mercedes Rodríguez, poden dispor dos plans de produción e comercialización e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para desenvolver as medidas previstas neles. De feito, destacou, “Galicia é a única xestora dos fondos FEMP correspondentes a esta medida que procedeu á convocatoria e abono das axudas dos plans de produción e comercialización de 2014 a 2017 por importe total de máis de 2,6 millóns de euros”. Ademais, engadiu, está en trámite a resolución da convocatoria de axudas aos plans de 2018.

Algúns exemplos destas medidas previstas e desenvolvidas nos plans de produción e comercialización, explicou, son programas informáticos para mellorar a xestión das cotas dos buques asociados, a preparación de campañas científicas para impulsar o coñecemento dos recursos, ou a asistencia a asociados para promover o coñecemento normativo. Outras medidas son a mellora do etiquetado do produto e a instalación de máquinas inertizadoras de parasitos.

Este tipo de iniciativas favorecen a canalización da oferta e a comercialización dos produtos dos membros das OPP, o cumprimento das normas por parte dos seus membros, a formación profesional, a redución do impacto medioambiental da pesca e o acceso por parte dos consumidores á información sobre os produtos, entre outros aspectos.

En relación ao primeiro Congreso Internacional de Organizacións de Produtores (OPP) Pesqueiros e Acuícolas, que se celebrará o 19 e o 20 de setembro en Vigo e que organiza a organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín, Opromar, a directora xeral de Pesca sinalou que se encadra no obxectivo do fomento das actividades pesqueiras sustentables.