Galicia é pioneira na posta en marcha de axudas a proxectos de cooperación entre grupos de acción local do sector pesqueiro

29 de Setembro de 2017

Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, convocáronse por primeira vez o ano pasado e entre o 2016 e este ano beneficiáronse 5 proxectos por un valor total de arredor de 455.000 euros. Rosa Quintana sinalou que a rede europea de zonas de pesca, Farnet, escolleu a Galicia como exemplo do bo facer dos GALP

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Santiago o adianto de Galicia na posta en marcha de axudas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, foron convocadas por primeira vez o ano pasado e desa convocatoria e da deste ano beneficiáronse un total de 5 proxectos por un valor total de arredor de 455.000 euros.

Así o sinalou a titular de Mar durante a apertura da II Xornada transnacional da dinamización de proxectos de cooperación no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí tamén detallou que na convocatoria de 2016 recibiron axuda dous proxectos, que son Mar Galaica e Morada Atlántica e no marco da de 2017 foron tres as iniciativas apoiadas, que son Candieira, Mar das Illas Atlánticas e Experiencias mariñeiras na costa norte galega.

Ademais destacou que a rede europea de zonas de pesca, Farnet, escolleu a Galicia como exemplo do bo facer dos GALP. Neste sentido, subliñou que o seu labor “vai máis alá de proporcionar axuda financeira a proxectos individuais, xa que as súas actividades teñen como finalidade crear novos vínculos entre os axentes locais, ofrecendo orientación estratéxica con respecto ao desenvolvemento dos territorios que abarcan”.

A través do seu traballo, sinalou Rosa Quintana, estes grupos fan que as súas estratexias de desenvolvemento local concentren os fondos nas zonas pesqueiras que máis o necesitan e aumenten as fortalezas e as oportunidades específicas de cada zona pesqueira. Tamén exploran novos mercados, produtos e novas formas de traballo, tanto no sector da pesca como noutros sectores locais, e crean redes de cooperación nas zonas pesqueiras para que as comunidades aprendan as unhas das outras e atopen aliados para fortalecer a súa posición nunha economía global. 

Nesta liña de compartir coñecementos destacou o valor da xornada transnacional de hoxe coa que “perseguimos reforzar a competitividade da cadea de valor do sector pesqueiro e multiplicar as oportunidades que derivan da importancia e do arraigo destas actividades para as súas comunidades”.

Convocatoria de 2017

Os proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais aprobados no marco da última convocatoria de axudas son: Candieira, Experiencias mariñeiras na costa norte galega e Mar das Illas Atlánticas. Candieira é unha iniciativa traballo en rede, entre territorios das diferentes zonas costeiras, co fin de promover iniciativas e actividades dirixidas a mellorar a situación social e laboral das mulleres do mar.

Experiencias mariñeiras na costa norte galega busca desenvolver actuacións que se dirixan á recuperación, conservación e posta en valor do seu patrimonio cultural e patrimonial, contemplando actividades turísticas e en particular o turismo mariñeiro. Concretamente, contempla a posta en marcha de rutas e experiencias turísticas que poñan en valor o patrimonio natural e cultural das zonas como alternativa para a diversificación da economía.

Por último, Mar das Illas Atlánticas promove o turismo mariñeiro como parte importante da diversificación da actividade pesqueira, apoiado nos obxectivos do Crecemento Azul. As actuacións a desenvolver están orientadas aos profesionais da pesca co obxectivo de formalos nesta actividade e constituír unha rede de asistencia técnica para a posta en marcha do turismo mariñeiro nas rías e no contorno do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Bandera Unión Europea