Galicia difunde o valor do seu patrimonio marítimo-pesqueiro mediante a promoción dos museos do Arco Atlántico

20 de Xullo de 2021

A conselleira do Mar salienta a importancia de iniciativas coma esta para enxalzar o patrimonio material e inmaterial da comunidade e protexer a súa cultura mariñeira

  • A mostra sobre os museos da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos enmárcase no proxecto Pasaporte REMA, xurdido de Morada Atlántica, que contribuíu a diversificar as actividades económicas do sector cara ao turismo cultural
  • Rosa Quintana subliña que este é un bo exemplo de como aproveitar o patrimonio como elemento de identidade e autenticidade singular tanto de Galicia como de Portugal

 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da exposición O océano que nos une, unha acción enmarcada no proxecto de cooperación interterritorial e transnacional Pasaporte REMA dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). A titular de Mar enxalzou a importancia de iniciativas coma esta para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial vencellado co litoral de Galicia e agradeceu o traballo constante dos GALP na protección da cultura marítima da comunidade.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, explicou que se trata dunha exposición internacional temporal e itinerante que percorrerá as zonas de influencia dos GALP participantes mostrando a través de distintos paneis os principais atractivos dos museos adheridos á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA).

A mostra destaca pinturas, recintos e pezas procedentes de entidades como a Torre de Hércules, o Museo Anfaco, o Museo de Historia Natural de Ferrol ou o Museo Mares de Cedeira e inclúe dúas ducias de visitas virtuais aos principais museos de Galicia, Asturias e Portugal da rede REMA.

A titular de Mar lembrou que esta é unha iniciativa que ten a súa orixe no proxecto Morada Atlántica, que desde a súa posta en marcha buscou fomentar a cooperación transfronteiriza e a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do arco atlántico galego e portugués. O seu labor permitiu diversificar e desestacionalizar a oferta turística dos dous territorios usando a cultura do mar como base.

“Morada Atlántica representa o mellor exemplo de como debemos aproveitar o noso patrimonio como elemento de identidade e autenticidade singular tanto de Galicia como de Portugal”, subliñou Rosa Quintana. Ademais, a conselleira puxo en valor os proxectos de cooperación impulsados polos GALP así como toda a actividade realizada arredor destas entidades. De feito, as preto de medio milleiro de accións desenvolvidas na comunidade desde 2016 ao abeiro dos grupos de acción local do sector pesqueiro supuxeron a mobilización de máis de 30 millóns de euros de axuda pública. Este ano a Xunta destinou máis de 16 millóns de euros ás iniciativas que presenten os oito GALP de Galicia para impulsar a economía das zonas costeiras.

A exposición
A exposición O océano que nos une pódese visitar ata o 30 de agosto na sala Carlos III do Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav). A través de 31 paneis explicativos mostra os principais atractivos dos museos galegos adheridos á rede REMA co obxectivo de poñer en valor os seus elementos máis significativos. A mostra enmárcase no proxecto de cooperación interterritorial e transnacional Pasaporte REMA, iniciativa promovida por todos os GALP e financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca que ten a súa orixe no proxecto Morada Atlántica.

Bandera Unión Europea