Galicia destina máis de 7,5 millóns de euros a 56 proxectos para a protección e recuperación da biodiversidade mariña

29 de Outubro de 2021

Destas achegas, financiadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, benefícianse as confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar e asociacións de profesionais do sector

Consellería do Mar
  • A convocatoria deste ano introduciu como novidades que os proxectos poden ter unha vixencia de tres anos, fronte aos dous previstos anteriormente, e a inclusión dos equipamentos de toma de mostras como gastos subvencionables
  • A estes apoios para a protección e recuperación da biodiversidade mariña engádense outros postos polo Executivo galego a disposición do sector como os destinados á rexeneración de bancos marisqueiros ou á recollida de lixo mariño, que mobilizaron un total de preto de dous millóns de euros nas convocatorias deste ano

A Consellería do Mar aprobou na convocatoria deste ano axudas para 56 proxectos colectivos que contribúen á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental, por importe de algo máis de 7,5 millóns de euros.

Estas accións, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que poden chegar a cubrir o 100% do investimento subvencionado, contan con orzamento para o período 2021-2023 dando así resposta á demanda do sector de que este tipo de apoios públicos teñan carácter plurianual.

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a resolución da convocatoria de 2021 destas achegas que reflicte que os seus principais beneficiarios son as confrarías de pescadores, ademais das organizacións de produtores, cooperativas do mar e as asociacións de profesionais do sector de Galicia que elaboren e desenvolvan proxectos colectivos con accións como a elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos e a optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños, atendendo á Directiva marco sobre a estratexia mariña.

Outras actuacións subvencionables son aquelas que contribúen á vixilancia epidemiolóxica, como o envío de mostras ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras, e operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies. Dentro das operacións de salvagarda, o persoal de vixilancia actúa baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas de Galicia e en colaboración con este.

A formación dos profesionais da pesca, orientada a adquirir novas competencias para unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que viven, é outra acción obxecto de axuda. A maiores, tamén se subvencionan actuacións de aumento da sensibilización ambiental coa participación directa do sector, podendo incluír campañas de divulgación.

As principais novidades da convocatoria deste ano foron a posibilidade de que os proxectos teñan unha vixencia de tres anos -ata agora limitábanse a dous- e a inclusión dos equipamentos de toma de mostras como gastos subvencionables.

Outros apoios
Esta é a sétima convocatoria destas axudas no actual período de programación do FEMP co obxectivo de protexer e recuperar a biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas. A elas engádense as achegas para restauración dos ecosistemas mariños mediante accións como a rexeneración de bancos marisqueiros, con dúas liñas que este ano mobilizaron máis de 1,5 millóns de euros, e as de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños, que suman apoios na convocatoria de 2021 por importe de preto de 350.000 euros.

Bandera Unión Europea