Galicia destina máis de 300.000 euros en 2023 a distintas accións para impulsar o consumo e o valor do mexillón

29 de Decembro de 2022

O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para promocionar este molusco

Galicia destina máis de 300.000 euros en 2023 a distintas accións para impulsar o consumo e o valor do mexillón
  • O acordo, polo que cada parte aporta 160.000 euros, inclúe distintas accións que se desenvolverán ao longo do próximo ano para difundir a calidade deste produto e os beneficios do seu consumo entre a cidadanía

  • Os prezos deste recurso teñen marxe de mellora malia que o ano pasado marcaron a mellor cotización media da serie histórica ao acadar os 0,55 euros o quilo

O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia para promocionar e mellorar a comercialización do produto certificado con este selo favorecendo así tanto o seu recoñecemento por parte da cidadanía como o aumento da demanda e dos prezos deste molusco. A Consellería do Mar realiza unha achega de 160.000 euros ao Consello Regulador, que aporta outros 160.000 euros, co que o orzamento total ao abeiro do convenio ascende a 320.000 euros.  

Esta colaboración, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que vai estar vixente desde a súa sinatura a comezos de 2023 ata o 30 de novembro dese mesmo ano, permitirá desenvolver distintas accións de promoción e difusión da calidade do mexillón de Galicia para mellorar os resultados do sector acuícola e das industrias relacionadas con el nos eidos da comercialización, a promoción e o consumo.

Entre as accións previstas inclúense actividades de promoción en distintos eventos coa finalidade de dar a coñecer a variedade de formatos nos que se pode atopar (fresco, en conserva, cocido, conxelado ou pasteurizado, entre outros) e os beneficios que ten o seu consumo. A maiores, ampara iniciativas como a monitorización do rendemento do mexillón comercializado baixo a DOP -co obxectivo de tomar as mellores decisións tanto na produción como na comercialización- ou a automatización do proceso de cocción do molusco, optando por enerxías renovables en substitución dos combustibles fósiles.

O convenio tamén atende á necesidade de promocionar o produto certificado entre o conxunto da cidadanía e por iso recolle accións para a súa difusión en medios de comunicación xeralistas, outras máis concretas dirixidas a determinados colectivos para dar a coñecer o produto ou a presenza de elementos de identidade corporativa en recintos deportivos ao aire libre.

A finalidade de todo este traballo de promoción é enxalzar o valor engadido do mexillón galego certificado -un produto da máxima calidade- para que acade mellores prezos no mercado. De feito, este tipo de colaboracións -que vai xa pola súa terceira edición- contribúen a impulsar o sector e a mellorar a produción e os resultados dos produtores especialmente nun momento no que a súa actividade se ve condicionada pola suba dos prezos da enerxía e outros factores como as consecuencias da guerra en Ucraína.
Os prezos do mexillón galego aínda teñen marxe de mellora malia que o ano pasado marcaron a mellor cotización media da serie histórica ao situarse nos 0,55 euros o quilo. Por iso, o convenio inclúe máis dunha ducia de accións para a súa promoción co obxectivo de que poida aumentar a súa presenza nos mercados e que se incremente o seu valor, incidindo así na rendibilidade das empresas do sector e impulsando a actividade e o emprego das zonas costeiras de Galicia que contan cunha importante actividade bateeira.

Bandera Unión Europea