Galicia destina máis de 30 M€ a impulsar a actividade e a competitividade do sector transformador de produtos do mar e a produción de cultivos mariños

26 de Decembro de 2021
O Diario Oficial de Galicia publicará en próximos días sendas convocatorias de axudas para o ano 2022 destinadas a estes sectores
Consellería do Mar
  • En ambas convocatorias o Executivo galego subvencionará ata o 50% dos investimentos e sairán publicadas en próximos días no Diario Oficial de Galicia
  • Un total de 19 millóns de euros están dirixidos ás pemes de transformación de produtos do mar para proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene e as condicións de traballo, entre outros aspectos
  • Os outros máis de 11 millóns de euros están destinados a bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores para mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das empresas acuícolas

A Consellería do Mar destina máis de 30 millóns de euros a impulsar a actividade e a competitividade do sector transformador de peixes e mariscos e a produción de cultivos mariños. O Diario Oficial de Galicia publicará en vindeiros días sendas convocatorias de axudas para o ano 2022 destinadas a estes sectores. Unha delas para investimentos en pequenas e medianas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura e outra destinada a bateeiros, confrarías e acuicultores que fomenten unha actividade sustentable.

En ambas convocatorias, a Xunta subvencionará ata o 50% dos investimentos, as dúas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a contía é para distribuír nas anualidades 2022 e 2023.

Dos 30 millóns de euros, 19 destínanse ás pemes de transformación dos produtos do mar para mellorar as súas instalacións. Son obxecto destas achegas os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano. Tamén son obxecto de subvención aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.

Os outros 11,4 millóns de euros son para a convocatoria de axudas para mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das empresas acuícolas. Os potenciais beneficiarios destas achegas son bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable, titulares establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima que teñan as súas instalacións na comunidade.

O obxectivo desta orde de axudas é fomentar unha acuicultura sustentable desde unha perspectiva medioambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. A través delas, a Consellería do Mar subvenciona actuacións para investimentos produtivos na acuicultura, para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector incluíndo a adquisición de equipos. Ao abeiro destas axudas tamén se financian, entre outros, investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor. Habitualmente o principal destino dos fondos destas achegas é o sector bateeiro.