Galicia defende que o futuro Fondo Europeo de Financiamento Pesqueiro inclúa axudas á construción e modernización de buques

30 de Setembro de 2019
A conselleira do Mar participou na inauguración do Congreso Internacional sobre Sustentabilidade Social
  • Solicita que esta ferramenta financieira apoie novas construcións que poidan ter mellores condicións de vida a bordo sen incrementar capacidade de pesca
  • A comunidade autónoma galega defende o Convenio sobre o traballo na pesca da Organización Internacional do Traballo
  • A Xunta aposta por unha formación náutico-pesqueira que dote de máis atribucións aos profesionais co obxectivo de asegurar a alta competencia e aptitude que necesitan ao tempo que se afianza a súa experimentación práctica

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Vigo a aposta de Galicia pola mellora da habitabilidade a bordo dos buques con “novos e mellores barcos que axuden a afianzar a sustentabilidade do sector”. Neste sentido, lembrou que de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca Galicia solicita o apoio a “novas construcións que, sen incrementar capacidade de pesca, poidan ter mellores condicións de vida a bordo”.

Así o sinalou durante a inauguración Congreso Internacional sobre Sustentabilidade Social, organizado por Conxemar e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), onde estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro. Alí Rosa Quintana insistiu na importancia de avanzar na seguridade e habitabilidade nos buques, un aspecto, subliñou, no que a Xunta traballa, por exemplo buscando unha normativa axeitada á frota de baixura, sobre todo de cara ao porte de botiquíns, e velando pola mellora da directiva comunitaria que regula a asistencia médica a bordo.

Ademais Rosa Quintana lembrou que Galicia é firme defensora do Convenio sobre o traballo na pesca da Organización Internacional do Traballo, vixente desde 2007. Esta cuestión, explicou, foi posta en coñecemento do Goberno central no 2017 trala aprobación por unanimidade dunha proposición non de lei na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia e foi reiterada este ano de novo no Parlamento cando se poñía en valor que a principal organización pesqueira europea –Europêche-, na que se inscribe Cepesca, estaba a favor desta petición.

Esta mellora da calidade de vida e da habitabilidade, con particular atención á seguridade a bordo e á mellora das tripulacións, xunto coa formación son dous aspectos clave para o relevo xeracional, tema capital na sustentabilidade do sector, sinalou a titular de Mar. En relación á formación, Rosa Quintana, expuxo que Galicia aposta por unha formación náutico-pesqueira “que dote de máis atribucións aos profesionais co obxectivo de asegurar a alta competencia e aptitude que necesitan ao tempo que se afianza a súa capacitación e experimentación práctica”.

Neste eido Rosa Quintana destacou o labor que desenvolve a Consellería do Mar a través dos seus centros de formación nos que a matrícula se incrementou en preto dun 50% con máis de 1.500 titulados e sinalou que a formación é unha materia blindada no orzamento da Consellería.

A conselleira tamén aproveitou a súa intervención para dar a benvida a Galicia a todos os axentes que van participar no congreso e na feira de Conxemar que se celebrará estes días en Vigo. Uns eventos, incidiu, dos que Galicia é a rexión anfitrioa “por ser a capital da industria pesqueira en Europa” e que “moven o sector, moven Galicia e moven o noso mar”.

O congreso

 

Este congreso internacional está organizado por Conxemar e a FAO desde o ano 2012. A edición deste ano afondará na sustentabilidade social. Para iso a xornada prevé reunir a preto de 400 asistentes entre organismos, representantes gubernamentais, asociacións, academia, ONG's e expertos de primeiro nivel mundial, entre os que estarán representantes da FAO, da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD), da Organización Internacional do Traballo (OIT), ou da Thai Union, entre outros. Nela tamén estarán representantes do sector privado.