Galicia defende a posibilidade de usar partidas non empregadas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para minorar o impacto do brexit

22 de Novembro de 2019
A secretaria xeral técnica, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a presidenta de Portos de Galicia responderon a diferentes preguntas na Comisión 8ª
Galicia defende a posibilidade de usar partidas non empregadas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para minorar o impacto do brexit
  • A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar lamenta a incerteza existente sobre este proceso e lembra que a Xunta sempre defendeu a necesidade dun acordo de saída entre as partes
  • En caso de que non haxa acordo, a comunidade xa lle propuxo ao Goberno do Estado que adopte as medidas necesarias para que a frota de bandeira británica e capital galego que faena en Gran Sol poida seguir operando en portos galegos
  • Portos de Galicia aclara que en 2020 está prevista a licitación da execución do balizamento dos accesos aos portos de Corme, Muros e Noia

A secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, detallou hoxe no Parlamento todas as xestións realizadas pola Consellería do Mar e pola Xunta na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego ante o brexit e lembrou que o Executivo autonómico se puxo a traballar desde o minuto un para obter o maior número de argumentos na defensa dos intereses da frota galega e para minimizar o impacto deste proceso inédito en Europa. Neste sentido, Galicia defende a necesidade de contar con plans de continxencia que inclúan a concesión de axudas á frota afectada por unha posible paralización da actividade en caso dun divorcio abrupto e que se estude a posibilidade de destinar a parte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) non empregada en anos pasados a achegas para minorar o impacto do brexit.

Trátase dunha medida que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa lle trasladou á Comisión Europea e que defendeu recentemente nunha sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico en Portugal e que dá continuidade ao traballo realizado nos últimos meses neste sentido.

Isabel Concheiro destacou que a Consellería do Mar conta xa con varios informes que avalían as consecuencias do brexit para a pesca galega e o xeito de minimizar o posible impacto en cada pesqueira, pero ten encargado outro estudo ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña, que se enfocará unha vez que o Reino Unido dea os pasos definitivos para abandonar a Unión Europea.

Neste sentido, a secretaria xeral técnica lamentou a incerteza que prevalece aínda neste proceso e lembrou que a Xunta tamén buscou da man do sector alianzas con outras rexións e estados membros para facer fronte ao brexit ao tempo que creou unha plataforma dixital que xa ofreceu asesoramento personalizado a máis dun cento de empresas afectadas por este procedemento de desconexión do Reino Unido da UE.

Nesta liña, a representante da Consellería do Mar incidiu en que Galicia sempre defendeu a necesidade de contar cun acordo de saída no que a negociación de acceso aos recursos pesqueiros do Reino Unido estea condicionada polo seu acceso ao mercado europeo. En caso de que ese acordo non se producise, a Xunta xa lle propuxo ao Goberno do Estado adoptar as medidas necesarias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan seguir operando con normalidade en portos de Galicia.

Sinalización dos accesos aos portos

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou, pola súa banda, o estado do proxecto de balizamento dos accesos aos portos nas rías galegas e detallou que en 2020 está prevista a licitación da execución do balizamento na entrada aos peiraos de Corme, Muros e Noia e tamén o inicio do expediente de contratación do documento técnico que permita esa sinalización no resto das rías.

A máxima responsable do ente público subliñou a envergadura do proxecto dadas as excepcionais características do litoral galego, con multitude de obstáculos naturais e a numerosa presenza de polígonos de acuicultura, ao tempo que sinalou que se trata dun asunto no que interveñen numerosos axentes como a Comisión de Faros, as autoridades portuarias, capitanías marítimas, o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta e as confrarías de pescadores e outras organizacións sectoriais.

A presidenta de Portos de Galicia salientou que o seu departamento leva traballado de xeito continuo co obxectivo de sacar adiante este proxecto e puxo como exemplo da súa complexidade o feito de que tampouco comezou o balizamento da rede litoral das autoridades portuarias galegas que dependen do Estado.

Susana Lenguas tamén respondeu a unha pregunta sobre a facturación de Portos de Galicia por taxas no porto de Cariño e explicou que ascendeu a 544.000 euros en 2018, o que sitúa este peirao no oitavo posto en canto á recadación obtida polo ente autonómico.

Patoloxía do berberecho

Mentres, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, analizou as actuacións da Consellería do Mar para loitar contra o parasito marteilia, que causa a mortalidade do berberecho, e para mellorar a produción deste molusco nas rías galegas, Neste sentido, destacou que desde 2016 se reduciu a taxa de mortalidade do berberecho por esta patoloxía, o que redundou na mellora da produción marisqueira desta especie.

Non obstante, a representante do Executivo galego lembrou que hai en marcha numerosas accións de investigación que se desenvolverán ata 2021 e que buscan mellorar distintos aspectos como o cultivo de berberecho -coa busca de estirpes máis resistentes a esta patoloxía-, a xestión do recurso e o seguimento desta enfermidade dos moluscos. Estes traballos dan continuidade ao labor xa realizado nos últimos anos con este obxectivo.