Galicia defende a necesidade de apoios á mellora da actividade e habitabilidade dos buques pesqueiros para promover a remuda xeracional

09 de Xullo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o buque pesqueiro ‘Jundiña Cuarto’ na dársena coruñesa de Oza

Consellería do Mar
  • A titular de Mar salientou que este tipo de axudas, que a Xunta pon a disposición do sector e que son cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, tamén favorecen a actividade pesqueira sustentable
  • Con estas achegas destinadas aos propietarios dos buques pesqueiros o Executivo galego subvenciona actuacións que melloren as condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques e investimentos relacionados coa eficiencia enerxética e a mitigación do cambio climático, entre outros
  • A Xunta destinou máis de 1,2 millóns de euros á convocatoria deste ano destas axudas que se prevé que supere os 85 proxectos seleccionados, o que reflicte unha maior concorrencia en relación á convocatoria do ano pasado, da que se beneficiaron 50 proxectos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia, a necesidade e a utilidade dos apoios ás melloras nas prestacións dos buques pesqueiros e ao desenvolvemento da pesca sustentable para impulsar a remuda xeracional neste sector. Así o sinalou no peirao de Oza durante a visita que realizou ao buque Jundiña Cuarto, na que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.

Alí tamén sinalou que a Xunta pon a disposición dos propietarios de buques pesqueiros axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para limitar o impacto da pesca no medio mariño e protexer as especies e para actuacións que melloren as condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques. Ademais, con este tipo de axudas tamén se apoian investimentos relacionados coa eficiencia enerxética e a mitigación do cambio climático.

Outros investimentos obxecto destas achegas que citou a conselleira son aqueles que aumentan o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización das capturas non desexadas. Entre as actuacións subvencionables tamén están os investimentos realizados en servizos de asesoramento para fomentar a pesca sustentable.

A titular de Mar expuxo que a estes apoios a Xunta destinou máis de 1,2 millóns de euros na convocatoria deste ano, que está na fase final de resolución. Engadiu ademais que, segundo as previsións, os proxectos seleccionados serán máis de 85 por un valor de axuda que superará o millón de euros. Isto reflicte unha maior concorrencia nesta convocatoria en relación á do ano pasado, da que se beneficiaron 50 proxectos por un valor de axuda de máis de 514.000 euros.

Un dos beneficiados na convocatoria do ano pasado foi o buque Jundiña Cuarto que obtivo un apoio total de máis de 56.400 euros. Con esta cantidade apoiouse, por unha banda, a construción dun novo túnel de conxelación, instalación eléctrica, frigorífica, o que repercute na mellora do valor engadido e a calidade dos produtos pesqueiros que captura, pois permite un mellor aproveitamento dalgunhas especies obxectivo e unha minoración dos descartes de pesca. Por outra banda, tamén se apoiou a instalación dun sistema de comunicacións vía satélite con todos os seus dispositivos, para implantación do wifi a bordo, o que mellora condicións de traballo dos seus tripulantes, así como o contacto con terra.

Todo isto, trasladou Rosa Quintana, é tan só un exemplo do que posibilitan os apoios deste tipo. De aí que Galicia defenda a súa necesidade e así o manifestou desde o primeiro momento no marco da configuración do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, pois trátase dunha cuestión transcendental para que a xente nova vexa o mar como unha opción laboral atractiva e para acadar a remuda xeracional no sector.

O ‘Jundiña Cuarto’
O buque de arrastre de fondo Jundiña Cuarto pertence á compañía galega Pesqueira Jundiña, administrada por un armador con décadas de experiencia no sector e dedicada á actividade pesqueira en augas comunitarias non españolas, fundamentalmente nas do Gran Sol (Irlanda e Escocia). Ten 32,5 metros de eslora e porto base na Coruña.