Galicia defende ante a Unión Europea a conveniencia dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao que se atopa en vigor

12 de Outubro de 2017
Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade dun futuro fondo de financiamento orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores. Destacou como prioridades de Galicia para o novo fondo o relevo xeneracional, o apoio á organización, o mantemento da competitividade do sector transformador e a diversificación do sector nas zonas costeiras rurais. Puxo de relevo a necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, co obxectivo de manter a súa capacidade de I+D+i ou de mellora de estándares laborais

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Tallin a conveniencia dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que se atopa en vigor. Un novo fondo que é necesario, subliñou, para que os pescadores e acuicultores poidan adaptarse ás liñas marcadas por Europa. É dicir, que sexa acorde e coordinado coa normativa europea, cunha estrutura específica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación, e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e da Política Marítima Integrada.

Así o destacou na sesión plenaria O FEMP no apoio dos obxectivos da Política Pesqueira Común e da Política Marítima da Unión Europea, enmarcada na conferencia Máis alá de 2020: o apoio ás comunidades costeiras de Europa, que se celebra hoxe e mañá en Tallin e que organizan Estonia, como estado membro que preside a Unión Europea, e a Comisión Europea. Un encontro no que tamén participa a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e no que a conselleira do Mar tamén fixo fincapé na necesidade dun futuro fondo de financiamento simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores e adaptado á realidade e ás necesidades dos sectores do mar.

En canto á estrutura deste futuro fondo, Rosa Quintana puxo de relevo a necesidade de que sexa horizontal e común para aquelas cuestións integrais que requiren de actuacións xerais e coordinadas entre Estados ou rexións, como a Política Marítima ou o plan de Acción do Atlántico. Ademais, a conselleira citou as prioridades de Galicia para o novo fondo de financiamento.

Entre elas destacou o relevo xeneracional, baseando o apoio dos fondos a cuestións como a formación e a mellora da calidade de vida con especial atención á seguridade e comodidade das tripulacións. Tamén nas facilidades para acceder ao sector, a través do apoio a aspectos como a compra de buques, especialmente na xente moza.

Outras das prioridades de Galicia de cara ao novo fondo, que destacou a titular de Mar, son a adecuación ao esforzo pesqueiro, o apoio á mellora da organización e o reforzo do espírito de colectividade dos bens comúns que hai no mar para mellorar a súa xestión e explotación. Tamén son liñas prioritarias, engadiu, o manter a competitividade do sector transformador e a diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais.

Nesta última liña a conselleira citou como exemplo os preto de 210 proxectos con máis de 13,4 millóns de euros de inversión acadados entre 2016 e 2017 grazas ao labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Uns proxectos, engadiu, que se suman ás 426 iniciativas propiciadas entre 2009 e o 2015 polos Grupos de Acción Costeira. Deles, algúns están expostos nesta conferencia de Tallin como exemplo de boas prácticas.

Propostas de mellora

En relación aos aspectos a recuperar no futuro fondo, Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, aínda que sexa de forma parcial e en determinados eixos. Isto, aclarou, debido a que a súa capacidade de impulso en materias como I+D+i ou mellora de estándares laborais pode perderse por falta de axudas.

Para acadar os obxectivos de atención ao sector, a conselleira do Mar cualificou o apoio público en forma de subvención como a mellor opción debido a que garante o control do destino e aplicación sobre algo concreto. Tamén porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía, estimula as iniciativas en cuestións radicadas nos obxectivos da PCP, xera confianza e asegura a obtención de financiamento.

Ademais, en relación ao actual FEMP, a titular de Mar subliñou que Galicia se atopa con dúas dificultades engadidas á tardanza en aprobar o regulamento e o programa operativo. Por unha banda, as dificultades de coñecer de forma áxil, clara e certeira os criterios de elixibilidade e as actuacións encaixables no fondo, como por exemplo o caso das iniciativas de I+D+i. Por outra banda, as dificultades para definir como aplicar na práctica os obxectivos da PCP. Un exemplo deste caso é o das iniciativas sobre minoración de descartes. Neste sentido, Rosa Quintana apelou a introducir posibles melloras na aplicación deste tipo de fondos aplicando a adaptación e a simplificación.

Galicia e o FEMP

Durante a súa intervención, a titular de Mar tamén puxo de relevo a importancia dos fondos pesqueiros para Galicia, xa que, sinalou, contribuíron a aspectos como a obtención dun sector transformador competitivo e punteiro a nivel mundial. Ademais lembrou que, grazas a este tipo de fondos, ata o 2020 Galicia dispón de 487 millóns de euros de axuda pública e ten reservado o 51% dos fondos dispoñibles en España para as comunidades autónomas.

A conferencia

Durante os dous días desta conferencia que acolle a capital de Estonia, diferentes axentes interesados de toda a Unión Europea discutirán como o fondo de financiamento pesqueiro está axudando a apoiar a implementación da Política Pesqueira Común e da Política Marítima no período de programación actual (2014-2020). Así, este encontro no que participa Galicia por invitación directa da DG MARE, está aberto entre outros, aos xestores de proxectos, políticos, representantes da industria e científicos. Ademais representa a oportunidade de discutir os retos actuais e futuros das comunidades costeiras, así como as posibles respostas políticas.