Galicia aposta pola simplificación do Fondo Europeo Marítimo-Pesqueiro e pola súa adaptación á realidade do sector

03 de Marzo de 2022

A secretaria xeral técnica respondeu a unha pregunta sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Galicia aposta pola simplificación do Fondo Europeo Marítimo-Pesqueiro e pola súa adaptación á realidade do sector
  • Silvia Cortiñas subliña que Galicia leva traballando desde a aprobación do actual FEMP para axilizar e simplificar a súa tramitación e realizou distintas xestións ante as institucións europeas para que o futuro Fempa sexa máis áxil e acorde á actividade dos distintos elos da cadea mar-industria galega
  • O Executivo galego expón as dificultades existentes na tramitación e na execución pola superposición das normativas europea, estatal e autonómica non só relativas ao FEMP senón tamén á concesión de axudas e á tramitación administrativa

Galicia defende a necesidade de simplificar a tramitación administrativa do futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e de adaptalo á realidade do sector marítimo-pesqueiro. Neste sentido, a comunidade galega leva traballando desde a aprobación do actual FEMP para axilizar e simplificar a súa tramitación e realizou distintas xestións ante as institucións europeas para que o futuro Fempa sexa máis simple, áxil e acorde á actividade dos distintos elos da cadea mar-industria galega. Así o expuxo hoxe a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento.

A representante do Executivo galego puxo de relevo esta necesidade ante as dificultades de tramitación que implica o actual fondo e que dificultan o acceso aos recursos dos seus potenciais beneficiarios e a súa execución. Nesta liña, incidiu en que xa se logrou avanzar nalgúns aspectos, pero que aínda é preciso traballar pois ás complicacións de execución engádense os condicionantes derivados da crise ocasionada pola pandemia da covid-19.
Neste sentido, expuxo que no ano 2020 e parte do 2021 a maior parte da actividade administrativa estivo dirixida a xestionar solucións aos problemas xerados pola crise sanitaria. Ademais sinalou que a declaración do estado de alarma obrigou á suspensión dos prazos provocando atrasos na tramitación, entre outros aspectos.

A maiores, a secretaria xeral técnica lembrou que o actual fondo xa tardou en botar a andar pola demora na publicación do regulamento que o rexe así como polo retraso na aprobación tanto do programa operativo de España como dos criterios de selección dos proxectos, o que fixo que non comezase a súa utilización ata 2016, dous anos despois da súa teórica entrada en vigor.

Tamén subliñou que a execución do fondo se topa con numerosos problemas, como as dificultades para axilizar os trámites froito da superposición das normativas europea, estatal e autonómica, non só relativa ao FEMP senón tamén á concesión de subvencións e axudas e á tramitación administrativa. Esta situación, incidiu, obriga ao cumprimento dunha normativa complexa, confusa e mesmo incoherente.

A representante da Consellería do Mar salientou que esa situación deriva na complexidade de xestión inicial e resolución das solicitudes, na dificultade de execución material por parte do beneficiario e nos problemas para a comprobación e pago por parte do órgano xestor en tan curto espazo de tempo.
Ademais Silvia Cortiñas apuntou á falta de claridade en distintos termos aplicables á concesión das axudas que obrigan a realizar consultas constantes á Comisión Europea e que mesmo teñen clarificado interpretacións diferentes do mesmo asunto que fan variar o obxecto e alcance dos aspectos subvencionables.

A secretaria xeral técnica tamén fixo referencia á ausencia de potenciais beneficiarios do FEMP como poden ser as mariscadoras a pé a título individual, para adquirir equipamentos persoais como neoprenos ou ferramentas. A eles engadiu a exclusión das empresas comercializadoras, o que fai que firmas dedicadas á primeira venda se vexan imposibilitadas ou limitadas a recibir o apoio de fondos europeos.