Galicia aposta pola necesidade de eliminar burocracia para mellorar a efectividade do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

09 de Marzo de 2019
Esta é unhas das recomendacións recollidas nun informe realizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) por encargo da Comisión de Pesca da Eurocámara
Esta é unhas das recomendacións recollidas nun informe realizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) por encargo da Comisión de Pesca da Eurocámara
  • O estudo, presentado no Parlamento Europeo, defende a necesidade de abrir as posibilidades de financiamento para facer do FEMP un instrumento áxil e eficaz
  • O ditame ve necesaria unha maior aposta pola innovación, con financiamento dos proxectos do 100% e investimentos superiores a 150.000 euros
  • A proposta pide delegar nos estados membros a definición de frota artesanal para que as políticas dirixidas a ela recollan as especificidades de cada país

O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, elaborou un informe por encargo da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo no que analiza tanto o actual como o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e conclúe, entre outros aspectos, que é preciso eliminar burocracia para lograr que este instrumento sexa efectivo e chegue a todos os potenciais beneficiarios.

O estudo, elaborado por profesionais do Cetmar e da consultora italiana Cogea e presentado recentemente no Parlamento Europeo, lamenta a baixa execución xeral do fondo actual e vencéllaa á complexidade normativa: se o anterior Fondo Europeo de Pesca (FEP) estaba rexido por dúas únicas normas, o actual FEMP conta con 30. Esta maraña lexislativa, explican os profesionais do centro dependente da Xunta, provocou que os estados membros tardasen en aprobar os seus programas operativos e as correspondentes ordes e convocatorias de axudas, o que levou a que, en moitos casos, transcorresen máis de dous anos e medio do período de programación (2014-2020) ata ter os fondos dispoñibles.

A análise dos expertos da Consellería do Mar alerta de que estas novas normas obrigan a que os beneficiarios cumpran e documenten un número moi elevado de requisitos, con algúns países nos que hai que presentar ata 19 documentos distintos para acreditar que se é apto para acceder ao fondo. De feito, a burocracia é tan elevada, resume o informe, que presentar unha solicitude de axudas ao FEMP é das máis caras de todos os fondos estruturais e de inversión da Unión Europea.

Esta situación provoca que os posibles beneficiarios opten só por aquelas medidas que coñecen mellor, máis semellantes ás recollidas no anterior FEP, e desboten outras que entenden que non se axustan á realidade. A isto súmanse outras actuacións que non están ben claras ou ben dotadas economicamente e que non se están a aplicar, polo que os niveis de execución do fondo son moi baixos.

O ditame do persoal do Cetmar tamén incide nun dos asuntos que o FEMP considera prioritarios, a innovación, sobre o que indica que o nivel de cofinanciación variable -entre o 50 e o 100% do investimento- e o limitado importe máximo das axudas -ata 150.000 euros- fai difícil que saian adiante innovacións relevantes. Ante esta situación, expón o estudo, o sector e os centros de investigación acoden a outros fondos, como o Horizonte 2020, porque financian o 100% dos investimentos e teñen orzamentos á altura dos retos aos que se enfrontan. Sen embargo, teñen o inconveniente de que neles compiten con outros sectores e empresas fortes, polo que teñen difícil acadar a financiación que non atopan no fondo deseñado especificamente para eles.

Os profesionais do Cetmar tamén analizaron a proposta do FEMP para o período 2021-2027 e a súa incidencia na flota costeira, que conta cun escenario máis favorable pero tamén certas limitacións. Para superar estes obstáculos, o estudo propón que se flexibilice o criterio de eslora que define o que é pesca artesanal -actualmente embarcacións menores de 12 metros de eslora- a embarcacións de dimensións inferiores a 12 e de entre 12 e 15 metros de acordo co que decida cada estado membro para adecuar mellor as medidas a aplicar ao seu favor ás especificidades da súa flota.

Coa idea de conseguir que o futuro FEMP sexa máis áxil e efectivo e evite a complexidade lexislativa, o informe inclúe entre as súas recomendacións que se empregue como principio básico que todo o que non se considere inelixible poida ser financiado, algo que, incide, debería figurar explicitamente na nova regulación. Ao mesmo tempo, propón manter o orzamento asignado aos estados membros, maximizar a flexibilidade na redistribución de fondos e estudar a extensión dos programas operativos que estean a funcionar axeitadamente para evitar que a súa longa tramitación impida dispoñer dos fondos necesarios para a execución dos proxectos en tempo e forma.

Este informe do Cetmar súmase ao ditame liderado por Galicia, co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo á cabeza e por encargo do Comité Europeo das Rexións (CdR), que foi aprobado en maio do ano pasado por unanimidade das 350 rexións e concellos europeos que conforman o pleno deste organismo europeo. Nel o Executivo galego defendía un fondo pesqueiro simplificado e adaptado á realidade do sector.