Galicia aposta pola creación e reforzo das organizacións de produtores pesqueiros para que o sector gañe competitividade

19 de Setembro de 2019

A directora xeral de Pesca participou na inauguración do I Congreso Internacional de Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) e de Acuicultura

  • A Consellería do Mar salienta a importancia dos plans de produción e comercialización que elaboran estas entidades para acadar a sustentabilidade da actividade pesqueira
  • O Executivo galego destinou máis de 2,6 millóns de euros en axudas desde 2016 á elaboración destes programas de traballo do sector
  • A Xunta mostra o seu apoio ás OPP por contribuír a avanzar nunha pesca responsable e na mellora da trazabilidade dos produtos do mar

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, enxalzou hoxe o importante papel que realizan as Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) para a boa marcha da Política Pesqueira Común e salientou que Galicia sempre apostou por elas e seguirá a facelo, incentivando a súa creación e o reforzo das súas estruturas, porque contribúen a que o sector gañe en competitividade. De feito, lembrou, Galicia conta con 11 das 34 OPP existentes en España e foi a primeira comunidade que publicou a convocatoria para financiar a preparación e o desenvolvemento dos plans de produción e comercialización destas entidades ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Estes plans, explicou a representante da Consellería do Mar durante a inauguración do I Congreso Internacional de Organizacións de Produtores Pesqueiros e de Acuicultura, contribúen a acadar a sustentabilidade da actividade pesqueira tanto na actualidade como de cara ao futuro e permiten acometer proxectos como programas para mellorar a xestión das cotas de pesca, o desenvolvemento de campañas científicas ou a mellora da etiquetaxe das capturas, entre outros.

Mercedes Rodríguez incidiu en que o compromiso de Galicia coas OPP é “palpable e progresivo”, como demostra o feito de que a Xunta concedeu desde 2016 máis de 2,6 millóns de euros en axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización e que está preto de resolver a convocatoria para os plans de 2018.

“As OPP son instrumentos innovadores e á vangarda da competitividade no funcionamento das políticas europeas e convertéronse na mellor garantía do cumprimento das regras de xogo en materia de produción e comercialización dos produtos do mar”, subliñou a directora xeral de Pesca. Neste sentido, agradeceu tamén o labor realizado pola Organización de Produtores de Pesca del Puerto y Ría de Marín (Opromar) ao organizar este encontro e polo traballo a prol da trintena de empresas que están integradas nela.

A representante do Executivo galego salientou que eventos coma este e a actividade das organizacións de produtores pesqueiros contribúen a favorecer unha actividade responsable, a reducir as capturas non desexadas e a pesca ilegal e a avanzar na trazabilidade dos produtos da pesca e o abastecemento de alimentos aos mercados.

Encontro do sector

O I Congreso Internacional de Organizacións de Produtores Pesqueiros e de Acuicultura celébrase entre hoxe e mañá no Museo do Mar de Galicia e está organizado por Opromar. O encontro está dirixido aos membros de OPP que queiran dar resposta a cuestións como o deseño e execución dos plans de produción e comercialización dos produtos pesqueiros. Entre os seus obxectivos está debater sobre os problemas e dificultades que afronta o sector e buscar a súa solución mediante a cooperación entre produtores e expertos na materia.

Bandera Unión Europea