Galicia apoia as instalacións de transformación de produtos do mar que promoven a eficiencia enerxética

23 de Xullo de 2021

A conselleira do Mar visitou as obras da nave de transformación e almacenamento frigorífico de produtos do mar de Frigonor Coldstore

  • Rosa Quintana expuxo que a fábrica que se está a construír na Pobra do Caramiñal exemplifica ese pulo ao aforro enerxético, pois contará cun parque fotovoltaico que favorecerá unha maior sustentabilidade nos procesos
  • A Xunta aprobou unha achega de 7 millóns de euros para este proxecto de Frigonor Coldstore no marco das axudas a pemes de transformación de produtos do mar cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
  • O Executivo galego destina 22,4 millóns de euros á convocatoria deste ano de axudas a melloras nas pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos de orixe mariño
  • Tamén puxo a disposición do sector outros 4 millóns de euros para compensar a caída de ingresos das empresas en 2020 como consecuencia do coronavirus, unha convocatoria que está en prazo de presentación de solicitudes

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as obras da fábrica de transformación e conservación de especies procedentes da pesca que a empresa Frigonor Coldstore está a construír no polígono da Tomada, no concello da Pobra do Caramiñal, onde está o porto pesqueiro líder na descarga de túnidos de Galicia. Alí a titular de Mar destacou a necesidade de contar con instalacións que, coma esta, busquen o aforro enerxético e que conten con procesos máis eficientes e responsables na protección do medio ambiente.

Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que o Goberno galego promove este tipo de actuacións a través das axudas a pemes de transformación de produtos do mar. Ademais explicou que no marco destas achegas a Xunta aprobou un apoio de 7 millóns de euros para este proxecto da nave de Frigonor Coldstore, que prevé crear máis de 30 empregos directos na súa contorna.

A conselleira, que estivo acompañada na visita pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou que esta futura instalación tamén aplicará novos procesos e sistemas de xestión en aras de impulsar a seguridade laboral. Segundo expuxo Rosa Quintana, a eficiencia enerxética desta nave materializarase nun parque fotovoltaico que estará na mesma parcela.

Esta instalación ocupa unha superficie de máis de 8.000 metros cadrados e conta cunha altura de 12 metros. A nave incluirá dúas plantas para a elaboración, dúas cámaras de almacenamento en conxelación a -45ºC e a -20ºC e unha zona para operacións loxísticas e de clasificación con acceso a oito peiraos de carga e descarga. Tamén disporá dun espazo para oficinas e instalacións laborais. Estas zonas destinaranse á manipulación, transformación, conservación e almacenamento frigorífico de especies pesqueiras como o atún, o atún vermello, o gambón arxentino e a lura procedente do caladoiro malvinense.

Apoios
Rosa Quintana subliñou que este proxecto de Frigonor Coldstore exemplifica o potencial da industria galega de transformación de produtos do mar, que nos momentos máis difíciles da pandemia respondeu con esforzo e compromiso para manter o seu nivel de actividade e seguir ofrecendo alimentos de calidade á cidadanía.

Este potencial e este labor é correspondido pola Xunta cos apoios destinados a este sector que nas convocatorias de axudas deste ano se traducen en máis de 26 millóns de euros. Desa cantidade de achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), máis de 22,4 millóns de euros correspóndense coa convocatoria deste ano de axudas para melloras nas pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar. Desta liña de axudas beneficiáronse entre o 2016 e o 2020 máis de 230 iniciativas por valor de máis de 57 millóns de euros, entre elas a de Frigonor Coldstore.

Outros 4 millóns de euros correspóndense cos apoios que forman parte do plan Avantemar para compensar a caída de ingresos nas empresas de transformación de peixes e mariscos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do coronavirus. Para estas achegas está aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o 28 de xullo e con elas a Xunta subvencionará ata o 50% das perdas de facturación rexistradas sempre e cando estas sexan polo menos dun 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores -2017, 2018 e 2019-. No caso de empresas con menos de tres anos, deberán ter actividade durante polo menos o ano natural 2019 completo e o cálculo realizarase tendo en conta ese exercicio.

Frigonor Coldstore
A empresa Frigonor Coldstore constituíuse a principios de 2020 e pertence ao Grupo Suflenorsa. Nace co obxectivo de dar impulso a esta futura fábrica que permitirá dar servizo ás empresas que participan na súa constitución para a transformación e a conservación das especies que comercializan.

O Grupo Suflenorsa conta con outras filiais centradas na atención a buques relacionados co sector pesqueiro, na xestión de despachos e trámites para a entrada e saída de mercadorías a calquera parte do mundo e en dar resposta ás demandas loxísticas expostas polos seus clientes ofrecendo unha solución integral para o transporte de mercadorías. A este grupo tamén pertence Alicrusa, un almacén frigorífico de produtos do mar que tamén conta coas súas instalacións na Pobra do Caramiñal.