Galicia apoia con 3,5 millóns de euros ás empresas de cultivo de produtos acuícolas para compensar as perdas de ingresos rexistradas pola covid-19

01 de Marzo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións da empresa Grupo Tres Mares

  • O Executivo galego concedeu 325 achegas a empresas do sector co obxectivo de que poidan facer investimentos, recuperen actividade e volvan aos niveis previos á pandemia, o beneficiará ao conxunto da economía de Galicia
  • Estas axudas engádense ás ordinarias que convoca todos os anos a Xunta para mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das empresas acuícolas, que este ano contan cun orzamento de máis de 11 millóns de euros      

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións da empresa de produción e procesado de troita Grupo Tres Mares, onde analizou coas súas responsables a situación da actividade acuícola na comunidade ante o impacto da alerta sanitaria pola covid-19. Neste sentido, a titular de Mar salientou que a Xunta vén de conceder 325 achegas por importe de 3,5 millóns de euros a un total de 450 establecementos de acuicultura co obxectivo de compensar as perdas de ingresos sufridas durante 2020 como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.

A representante do Executivo galego lembrou que estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), subvencionaron ata o 50% das caídas de facturación rexistradas entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 sempre e cando estas fosen de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores -2017, 2018 e 2019-.

A titular de Mar incidiu en que estes apoios, que no caso do Grupo Tres Mares ascenderon a máis de 160.000 euros, pretenden contribuír a que as empresas do sector poidan facer investimentos, recuperen actividade e volvan aos niveis previos á pandemia, o que beneficiará ao conxunto da economía de Galicia.

Rosa Quintana engadiu que as achegas forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro após a pandemia e que supuxo a posta a disposición do sector de 77 millóns de euros en 2020 e arredor de 13 millóns en 2021 no complexo mar-industria galego. As axudas para paliar as perdas de ingresos do sector da acuicultura deriváronse no tempo ata o ano pasado co obxectivo de atender tanto os danos causados pola pandemia como os provocados pola saturación do mercado, algo que tamén se fixo no caso das empresas de transformación de produtos do mar, que recibiron preto de 6,2 millóns de euros de apoio trala aprobación dun total de 24 axudas.

A representante da Xunta, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lembrou que estas achegas extraordinarias se engaden ás que o Executivo galego convoca de xeito ordinario todos os anos para mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das empresas acuícolas e ás que este ano a Consellería do Mar destina máis de 11 millóns de euros.

Regulamento de Costas

A conselleira do Mar tamén avaliou os retos do complexo mar-industria de Galicia e lamentou os ataques constantes do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico contra o sector marítimo-pesqueiro. Neste sentido, lembrou que tanto a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas como a Lei de cambio climático aprobada o ano pasado -que a Xunta vai recorrer ante o Tribunal Constitucional- atacan a liña de flotación das empresas asentadas no litoral e da economía costeira de Galicia.

A titular de Mar incidiu en que estas normativas se engaden a outros atrancos postos ao sector como o recurso contra o plan xeral de explotación marisqueira para o período 2021-2023 -ameazando o normal desenvolvemento do marisqueo-, o despropósito de non fixar cotas de comercialización do marraxo malia que hai cotas de captura da especie ou as voltas dadas no asunto das compensacións aos mariscadores da ría do Burgo, unha responsabilidade que tratou de eludir malia ser consciente -como defendeu a Xunta desde o principio- de que é o promotor da obra quen debe afrontar eses pagos.

O último deses despropósitos, lamentou a representante do Executivo galego, é a extralimitación e a invasión de competencias autonómicas na emisión dun informe preceptivo sobre a concesión de instalación dunha planta de cultivo de salmón no porto de Burela. No seu documento o Ministerio de Transición Ecolóxica non fai referencia ao asunto para o que é consultado -a viabilidade ambiental do proxecto-, pero si incide nun ámbito de xestión estritamente autonómico como é o uso dos terreos, bloqueando unha iniciativa que contribuiría ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

 

Bandera Unión Europea