Feijóo aposta por impulsar unha estratexia integrada para o Atlántico ou unha macrorrexión que permita abordar os retos que comparten as rexións costeiras do Atlántico en todos os eidos

23 de Outubro de 2018

O titular da Xunta participou na V Conferencia da Plataforma de Grupos de Interese Atlánticos, Economía Azul na área Atlántica da UE

El titular de la Xunta participó en la V Conferencia de la Plataforma de Grupos de Interés Atlánticos, Economía Azul en el área Atlántica de la UE
  • Asevera que é esencial ter en conta a conectividade da fachada atlántica tanto entre as áreas que compoñen a rexión atlántica como co resto da UE, para aumentar a competitividade e o desenvolvemento económico
  • Di que “para problemas comúns existen solucións comúns” e precisa que acontecementos como o brexit demostran que emprender o camiño en solitario non traerá nin máis riqueza nin máis prosperidade
  • Sostén que o proxecto Crecemento Azul desenvolvido polo Porto de Vigo lidera a nova filosofía da política marítima europea: crear oportunidades de crecemento e emprego para as actividades mariñas e marítimas baixo a sustentabilidade
  • Destaca o labor dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, que traballan por aumentar o emprego e a cohesión territorial en Galicia, con 301 proxectos nos últimos tres anos e que supuxeron máis de 19 millóns de euros de investimento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por impulsar unha estratexia integrada para o Atlántico ou por unha macrorrexión atlántica para abordar os retos específicos que comparten as rexións costeiras do Atlántico, non só pesqueiros e marítimos senón en todos os eidos, co obxectivo de compartir coñecementos e experiencias para traballar de forma coordinada e afrontar problemáticas que non entenden de fronteiras.

Durante a Conferencia da Plataforma de Grupos de Interese Atlánticos, Economía Azul na área Atlántica da UE: Apoiando o emprego sustentable, habilidades competitivas e carreiras, Feijóo aseverou que é esencial ter en conta a conectividade da fachada atlántica tanto entre as áreas que compoñen a rexión atlántica como, e sobre todo, co resto da Unión Europea, “porque unha conectividade axeitada aumentaría tanto a competitividade desta fachada como o seu desenvolvemento económico.

No caso de que se desembocase finalmente nunha macrorrexión, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que esta debería incluír todas as rexións europeas atlánticas tendo en conta as experiencias de cooperación interrexional preexistentes, como a macrorrexión de rexións do suroeste de Europa (RESOE), que podería integrarse nesta futura macrorrexión atlántica.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que “a problemas comúns existen solucións comúns”, incidindo en que se se quere conseguir un mercado máis competitivo, diversificado e moderno non debemos desviarnos do noso camiño, que non é outro que apostar por Europa.

“Se Europa é máis forte, os nosos países tamén o serán”, abundou, ao que precisou que acontecementos como o brexit ou o auxe de ideoloxías que apostan por illar en lugar de unir, e por entorpecer en lugar de cooperar, demostran que emprender o camiño en solitario non traerá nin máis riqueza nin máis prosperidade.

Nesa aposta por unha Europa forte, recordou que se enmarca a Estratexia Atlántica para o crecemento e o emprego na zona do Océano Atlántico, impulsada pola Comisión Europea e apoiada, entre outros países e rexións, por Galicia. E resaltou que entre os seus obxectivos está o de identificar os retos e as oportunidades das rexións atlánticas; e avaliar e impulsar aquelas iniciativas que redundan no crecemento do sector marítimo-pesqueiro e, por ende, na creación de emprego.

Sobre este punto, aseverou que o proxecto de Crecemento Azul desenvolvido polo Porto de Vigo lidera esta nova filosofía da política marítima europea, que consiste en crear oportunidades de crecemento e emprego para as actividades mariñas e marítimas baixo o marco do desenvolvemento sustentable.

Ao respecto, afirmou que os resultados avalan esta actividade, tanto cuantitativa como cualitativamente, ao poñerse en marcha todos os grupos de traballo que compoñen este plan e terse activado o 79% dos proxectos, como: Marlnnleg, no ámbito da competitividade e o desenvolvemento económico; Lonja 4.0 no ámbito da innovación ou Tutatis, no eido da sustentabilidade.

Baixo o espírito de crear máis Europa desde o mar, de forma unida e baixo a base do consenso, o presidente da Xunta lembrou que se aprobou o ditame que pide que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca posterior a 2020 incorpore unha dimensión territorial das políticas; e apoie as comunidades costeiras de Europa na súa posible transición para diversificar as industrias marítimas tradicionais.

Neste senso, destacou o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro, que traballan por aumentar o emprego e a cohesión territorial en Galicia. De feito, nos últimos tres anos, aprobáronse un total de 301 proxectos, que supuxeron, pola súa vez, máis de 19 millóns de euros de investimento.

Feijóo concluíu referíndose ao Vigo marítimo-pesqueiro como exemplo do modelo europeo de desenvolvemento rexional sustentable e socialmente integrador. E avogou por inspirarse nel para trasladar a outros sectores da Comunidade e das rexións atlánticas a súa competitividade, innovación e internacionalización.

Bandera Unión Europea