A Consellería do Mar destinou máis de 10 millóns de euros para a realización de 1.800 proxectos de modernización en buques pesqueiros

25 de Mai de 2016
A conselleira do Mar trasladou a aposta da Xunta por modernizar a frota respectando sempre o equilibrio entre a súa capacidade e as posibilidades de pesca dispoñibles

Santiago, 25 de maio de 2016.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta mañá as xornadas Una apuesta por la renovación de la flota pesquera. Innovación en construcción de buques pesqueros, celebradas no marco da feira Navalia. Nela trasladou que o Goberno galego destinou nos últimos anos máis de 10 millóns de euros para a realización de 1.800 proxectos de modernización en buques pesqueiros. Así, ao abeiro destas achegas, mellorouse a seguridade a bordo, as condicións de traballo dos tripulantes, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético dos buques e fomentouse a substitución de motores, entre outros aspectos.

Isto amosa que a Xunta aposta “por modernizar a nosa frota para poder competir en igualdade de condicións”, dixo a conselleira. Por iso, explicou, “existen fórmulas para levar a cabo a renovación necesaria e debemos apoiala e facilitala” respectando sempre o equilibrio entre a capacidade da frota e as posibilidades de pesca dispoñibles.

Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que o Goberno galego apostou pola homoxeneidade entre os aspectos ambientais, sociais e económicos na proposta que fixo Galicia para a reforma da Política Común de Pesca (PCP) porque, sinalou, “de pouco nos servirían todos os barcos do mundo se non tivésemos peixes que pescar”.

Así, a conselleira fixo fincapé na importancia de traballar xuntos, sector e administración “para conseguir unha renovación efectiva”. Para isto, lembrou, Galicia opta a 158 millóns de euros do Eixe do FEMP de Fomento da Pesca Responsable para mellorar a competitividade de todas as frotas, priorizando á de baixura. Neste eido, recordou que o seu departamento traballa xunto co sector no desenvolvemento do Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal de Galicia. En relación coa frota de altura e grande altura, trasladou a vontade da Xunta de crear un marco que recoñeza o papel dos buques que faenan en augas internacionais e de terceiros países.

O sector pesqueiro en Galicia
Na súa intervención, Rosa Quintana tamén fixo fincapé na importancia do sector pesqueiro galego. Así, reiterou que a nosa comunidade é unha das máis importantes en materia marítimo-pesqueira da UE, xa que conta con máis do 50% do emprego de España e do 10% da UE neste eido.

En relación coa frota operativa, a nosa comunidade conta con 4.438 buques que descargan case o 70% da pesca fresca de España e máis do 11% da da UE. Desta frota, máis dun cento de barcos son de altura e grande altura que empregan directamente a máis de 1.500 mariñeiros e armadores, sinalou.

Navalia
A Feira Internacional da Industria Naval-Navalia abriu as súas portas onte martes e permanecerá ata mañá xoves. É unha feira de carácter internacional e periodicidade bienal que este ano celebra a súa sexta edición. Esta feira consolidouse como a primeira de España e do sur de Europa no ámbito da industria naval.

O seu obxectivo é canalizar as necesidades do sector e axudar ás empresas a facer negocio e acadar acordos de comercialización e fabricación. Así, nela están presentes sectores como a construción naval, industria auxiliar, servizos de enxeñerías, armadores, servizos financeiros, servizos marítimos, autoridades portuarias e seguridade marítima, asociacións e institucións e entes públicos.

A última edición de Navalia pechou as súas portas coa presenza de case 25.000 visitantes profesionais -na súa maioría procedentes de países europeos-, 750 empresas procedentes de 75 países e 500 expositores.