A Consellería do Mar destinará máis 75 millóns de euros á mellora da comercialización dos produtos do mar no 2019

30 de Outubro de 2018

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu no Parlamento para presentar o orzamento que xestionará o seu departamento no 2019

  • Esta cifra supón a parte máis ampla do orzamento deste departamento para o ano que vén, que é de máis de 161 millóns de euros e que supera nun 4% ao orzamento deste ano
  • Sobe un 5% a contía do programa de competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura, que supera os 66 millóns de euros
  • Medra máis do 6% a cantidade destinada á mellora das infraestruturas portuarias e acada os 16 millóns de euros de montante global
  • Os fondos da aposta da mellora das zonas de produción increméntanse 4,5% aproximándose aos 30 millóns de euros
  • No eido da formación a suba dos fondos supera o 4% e os nove millóns de euros
  • Os orzamentos atenderán a novos retos, onde se enmarca o incremento do 27% nos fondos dedicados a valorizar os descartes

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe no Parlamento a aposta da Xunta pola mellora da comercialización dos produtos do mar, un eido ao que no 2019 o seu departamento destinará máis de 75 millóns de euros, un 4% máis que este ano. Esta cifra, subliñou, materialízase en dous programas e supón a parte máis ampla do orzamento de Mar para o ano que vén, que é de máis de 161 millóns de euros e que supera tamén nun 4% á do orzamento deste ano.

Ademais sinalou que a mellora da comercialización é unha das catro liñas específicas de aposta no orzamento da Consellería do Mar e que nela reside o obxectivo de seguir incrementando “o valor engadido dos nosos produtos”. Entre outras medidas conterá campañas de promoción ou consumo.

Dentro desta suba global, Rosa Quintana destacou o incremento de máis do 5% da partida destinada a axudas ás pequenas e medianas empresas da transformación e comercialización dos produtos do mar, que acada unha contía superior aos 24 millóns de euros. Tamén puxo de relevo os nove millóns de euros destinados á participación de Galicia en eventos expositivos internacionais. Eventos, subliñou Rosa Quintana, “aos que acudimos dando soporte para que máis de 150 expositores, principalmente pemes, poidan ter presencia en feiras alimentarias de primeiro nivel”.

Ademais disto, a conselleira puxo de relevo o incremento no programa de competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura, que se incrementa nun 5%, superando os 66 millóns de euros, sendo o segundo ámbito que máis medra no orzamento. Isto referenda, especificou Rosa Quintana, o manifestado polo presidente da Xunta de Galicia no debate de política xeral no que se anunciou a posta en marcha dunha liña de reforzo da valorización e mellora comercial dos produtos do mar.

A segunda liña de aposta que explicou Rosa Quintana é a mellora das infraestruturas portuarias, un apartado que medra en máis do 6%, acadando os 16 millóns de euros de montante global no orzamento de 2019. Esta contía divídese en dous programas e neles destaca o incremento de máis do 20% no eido relacionado coas infraestruturas pesqueiras, o que “permitirá dispor de novos investimentos en materiais e medios necesarios para a loxística diaria dos nosos produtos do mar”.

Ademais a titular de Mar expuxo que o 40% do investimento en materia portuaria se destina á mellora e modernización do entrabado portuario de amarres. Nesta liña, engadiu, crearanse máis de medio millar de novas prazas de atraque e dotaranse as existentes de mellores servizos, como é o caso de Cabo de Cruz, do Xufre, de Porto do Son, de Ribeira ou de Vilaxóan.

A mellora das zonas de produción é a terceira das apostas que explicou a conselleira do Mar e acumula unha suba do 4,5% aproximándose aos 30 millóns de euros. Unha tendencia, puntualizou, que se consolida, xa que nos últimos catro anos os fondos do programa de protección e mellora do medio natural mariño medraron case un 70%. Neste apartado, Rosa Quintana destacou a suba de case un 3 % da partida de dedicada á conservación, avaliación e xestión das zonas de produción, que supera os 6,3 millóns de euros. Tamén salientou que se duplica a contía destinada á recollida e eliminación de residuos, que acada os 800.000 euros .

A cuarta liña principal do orzamento é a da mellora da formación, onde os fondos “volven medrar, superando o 4% de suba e os nove millóns de euros”. Neste ámbito a suba acumulada no último trienio é dun 12% e dun 32% desde 2015. Dentro desta aposta, a conselleira salientou o incremento de máis do 7% da cantidade destinada aos cursos de ensinanza non regrada. Tamén subiu nun 7%, ampliou, a contía destinada ao mantemento e investimentos nos centros formativos. A maiores, a titular de Mar subliñou que este esforzo se complementará co incremento do 25% na partida destinada á incorporación de xente nova ao mundo pesqueiro.

En termos globais, Rosa Quintana expuxo que o orzamento da Consellería do Mar acumula unha suba de arredor dun 85% nos últimos catro anos e que é un dos departamentos da Xunta que medra por riba da media do conxunto.

Novos retos
O orzamento da Consellería tamén atenderá “aos novos desafíos”. De aí, destacou Rosa Quintana, que “os descartes sexan obxecto de dedicación reforzada de fondos”. Neste eido, especificou, medra nun 27% a partida destinada a valorizalos, afianzando unha cadea comercial que dá saída en Galicia a máis de 270 especies.

Ademais explicou que a Consellería do Mar tamén atenderá “a todos aqueles retos que veñan desde Europa” como o brexit, a definición do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a determinación dun Plan para as augas occidentais ou os regulamentos de control e medidas técnicas. Un fin que a consellería apoia cos fondos destinados á investigación, que manteñen unha asignación superior ao millón de euros.

Áreas blindadas
Unha vez máis a Consellería do Mar mantén as apostas blindadas no orzamento de 2019, que son o Servizo de Gardacostas, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). No caso do servizo de Gardacostas a titular de Mar expuxo que no orzamento de 2019 os fondos destinados á operatividade do servizo increméntanse en máis do 5% e superan os 14 millóns de euros. Neste ámbito puxo de relevo a suba dos fondos destinados á compra e modernización de embarcacións, liña que se dota con 4 millóns de euros, máis do dobre do orzamento deste ano. Neste eido destacou a posta en marcha de medidas coma a renovación de catro embarcacións patrulleiras lixeiras e dunha de gran porte para os seus labores de vixilancia pesqueira, salvamento no mar e loita contra a contaminación do Servizo de Gardacostas.

En relación ao Intecmar, Rosa Quintana sinalou que o seu orzamento ascende a 3,4 millóns de euros, case un 1% máis en relación ao deste ano. Esta cifra, especificou, é a mellor dos últimos oito anos e confirma a tendencia de orzamentos crecentes desde o ano 2013. No caso do CETMAR, o incremento do orzamento é do 11% e supera os 4 millóns de euros. Esta liña ascendente desde o 2009, subliñou Rosa Quintana, levou a que se multiplicase case por cinco a cantidade de fondos que levan aparellados os proxectos que xestiona.

Outras liñas de apoio
Por outra banda, a titular de Mar fixo referencia ás liñas de apoio que se prevé que tomen forma a través da aprobación do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que acompaña a este orzamento. Neste caso, explicou, o máis destacado está relacionado coa “simplificación da normativa e da tramitación administrativa de melloras en favor do sector” e é o establecemento dun procedemento iniciado de oficio pola Administración para prorrogar as concesións das bateas. Deste xeito, explicou, exonérase ao administrado da obriga de presentar a solicitude para que se poida materializar a prórroga, recaendo o peso na Administración.

 

Bandera Unión Europea