As confrarías de pescadores beneficiaranse este ano de case 2 millóns de euros para desenvolver accións de acondicionamento mariño e rexeneración

31 de Xaneiro de 2018

Estas axudas convocaranse nos vindeiros días e a través delas as confrarías e organizacións de produtores contribuirán de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos marisqueiros

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, hoxe en Redondela
  • Rosa Quintana lembrou que ao abeiro deste tipo de proxectos recuperáronse desde 2010 máis de 11 millóns de metros cadrados de superficie grazas á inversión de arredor de sete millóns de euros
  • Recordou que o ano pasado a Xunta investiu case un millón de euros que permitiron recuperar en Galicia case 108.000 metros cadrados de superficie e sementar sete millóns de unidades de ameixa

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, adiantou hoxe en Redondela que a Xunta destina este ano case dous millóns de euros a axudas para poñer en marcha proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración dos bancos marisqueiros, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Estas subvencións serán convocadas nos vindeiros días e distribúense nas anualidades 2018 e 2019. Así o explicou a titular de Mar durante unha visita á zona marisqueira da Portela, onde supervisou os traballos de rexeneración que se realizaron na zona ao abeiro das achegas para este mesmo fin do ano 2017.

Alí a conselleira fixo fincapé na aposta decidida da Xunta e no seu esforzo por manter as zonas de marisqueo que teñen produtividade e por mellorar aqueles bancos que perderon a súa potencialidade produtiva. De aí, sinalou, que convoquemos estas achegas para axudar ás confrarías, organizacións de produtores e entidades asociativas do sector na posta en marcha de proxectos que redunden na ampliación das súas zonas de traballo e na mellora da xestión e conservación dos recursos marisqueiros.

Este obxectivo de mellora da produtividade, explicou Rosa Quintana, leva aparellado o obxectivo de poder incorporar máis persoas á actividade marisqueira, mantendo a biodiversidade e os ecosistemas costeiros. De feito, lembrou que ao abeiro deste tipo de proxectos de rexeneración, desde 2010 recuperáronse xa máis de 11 millóns de metros cadrados de superficie grazas á inversión de arredor de sete millóns de euros e ao traballo das confrarías e entidades asociativas.

Ademais, a conselleira explicou que tan só o ano pasado a Xunta investiu case un millón de euros na execución de 36 proxectos de rexeneración que permitiron recuperar en Galicia case 108.000 metros cadrados de superficie e sementar sete millóns de unidades de ameixa. No caso concreto da Ría de Vigo, Rosa Quintana especificou que se levaron a cabo 10 proxectos por valor de 240.000 euros.

Finalmente, conselleira reiterou que entre as prioridades da consellería do Mar está a recuperación de zonas improdutivas. Por iso, lembrou que o seu departamento seguirá apostando por este tipo de inversións e destinará 37 millóns de euros ata 2020 para recuperar e mellorar hábitats mariños, co obxecto de recuperar a biodiversidade.

Banco da Portela
A confraría de pescadores de Redondela executou un destes proxectos de rexeneración que consistiu na dragaxe e no traslado de area a outras zonas. A iniciativa foi aprobada ao abeiro da orde de achegas para proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración do ano 2017 e contou cunha subvención da Xunta de 20.000 euros.

Bandera Unión Europea