As axudas da Xunta aos grupos de acción local do sector pesqueiro permitirán a creación de máis de 50 empregos directos

20 de Setembro de 2018

Estas achegas aprobadas pola Consellería do Mar son para 75 proxectos dos GALP e enmárcanse na convocatoria de 2018

  • O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre estas subvencións que supoñen un valor económico de máis de 4,4 millóns de euros e que permitirán mobilizar un investimento global de máis 11,6 millóns de euros

  • A maioría dos proxectos subvencionados teñen como obxectivo o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras

  • Entre as iniciativas subvencionadas están unha fábrica de cervexa elaborada artesanalmente con auga de mar na Mariña Lucense, a posta en valor dunhas salinas romanas na Guarda e a instalación e montaxe dunha depuradora de marisco na confraría de Ferrol

A Consellería do Mar vén de aprobar axudas a 75 proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) a través dos que se prevé crear máis de 50 empregos directos. Así o reflicte un informe analizado hoxe no Consello da Xunta sobre as axudas aprobadas na convocatoria de 2018 aos proxectos destes grupos e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

O informe indica que o valor económico destas subvencións é de máis de 4,4 millóns de euros, que permitirán mobilizar un investimento global de máis 11,6 millóns de euros. Tamén destaca que dos proxectos aprobados un 33% son promovidos por mulleres ou xente nova das áreas litorais.

Ademais amosa que, dos proxectos aprobados, 46 son produtivos, é dicir, iniciativas de orientación empresarial ou profesional, cun importe de subvención de preto de 3,2 millóns de euros. Os 29 proxectos restantes son non produtivos, é dicir, aqueles que non supoñen o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica, cun valor total de axuda concedida de preto de 1,3 millóns de euros.

A maioría das iniciativas subvencionadas teñen como obxectivo o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras. Séguenlle os proxectos enfocados ao aumento do valor, á creación de emprego, á atracción de mocidade e á promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura e, no caso de proxectos non produtivos, o fomento do benestar social e do patrimonio cultural e ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas.

Distribución por grupos
En canto á distribución por grupos, o informe sinala que 19 dos proxectos aprobados corresponden ao GALP 1 Mariña-Ortegal, cun importe total de subvención de 780.000 euros. O GALP 2 Golfo Ártabro Norte conta con 11 proxectos aprobados con axudas por valor de preto de 503.000 euros; o GALP 3 Costa da Morte ten nove proxectos aprobados con axudas por valor de máis de 576.700 euros e o GALP 4 seo de Fisterra ría de Muros e Noia costa sostible dispón de nove iniciativas aprobadas por valor de preto de 600.800 euros en axudas.

Ademais o GALP 5 ría de Arousa ten dez iniciativas aprobadas con axuda por valor total de preto de 797.000 euros e o da ría de Pontevedra conta con outros dez proxectos aprobados con importe subvencionado de máis de 648.400 euros. Catro proxectos con valor económico de axuda de preto de 279.000 euros correspóndense co GALP 7 ría de Vigo A Guarda e outros seis proxectos aprobados con importe subvencionado de máis de 295.200 euros ao GALP 8 Golfo Ártabro Sur.

Exemplos de proxectos aprobados
Entre os proxectos que contan con axuda ao abeiro desta convocatoria de 2018 está o denominado Augas Santas cervexa artesá mariña, do GALP Mariña-Ortegal, que ten como finalidade acondicionar unha nave dotándoa do equipamento necesario para instalar unha fábrica de cervexa elaborada artesanalmente con auga de mar.

A capacitación de persoas con diversidade funcional na actividade auxiliar á industria pesqueira de reparación de caixas de peixe mediante termo-soldadura é o obxectivo do proxecto Persoas Diversas + Confrarías = Economía Circular, do GALP da Costa da Morte.

O GALP Ártabro Norte ten o proxecto de instalación e montaxe dunha depuradora de marisco nun local anexo á lonxa da confraría de Ferrol. Con el buscan encargarse na confraría directamente da xestión da venda do produto capturado polos socios e socias e outros vendedores da lonxa de Ferrol, sen ter que depender de depuradoras externas.

A aplicación da plataforma Xesmar é un proxecto do GALP ría de Arousa, promovido polas confrarías de Cambados e Vilanova de Arousa. Consiste na implantación do uso dunha plataforma accesible a través de web e aplicación móbil, pensada por e para o sector do marisqueo en Galicia. Busca, entre outros obxectivos, a incorporación no sector de solucións baseadas nas novas tecnoloxías que simplifiquen a xestión e a organización do traballo.

Por outra banda, o GALP ría de Vigo-A Guarda ten un proxecto de posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos como recurso patrimonial e turístico para a creación dun recurso patrimonial, social e cultural de carácter sustentable.

Ademais ao GALP Seo de Fisterra ría de Muros e Noia: costa Sostible pertence unha iniciativa que ten como obxectivo a mellora da elaboración, conserva e comercialización do produtos pesqueiros en fresco Azul de Portosín, promovida por Procesados Pesqueros Portosín S.L. Para iso inclúe a adquisición dun equipo de xeo en escamas e a mellora do sistema de xestión e trazabilidade.

A maiores, do GALP Ártabro Sur é o proxecto de climatización e mellora da eficiencia enerxética da lonxa da Coruña, promovido por lonxa da Coruña S.A. Consiste na modernización das instalacións de climatización de forma que se permita aforrar o consumo enerxético e mellorar o mantemento do peixe, entre outros aspectos.

Bandera Unión Europea