A Xunta destaca o compromiso coa excelencia turística a 47 empresas e servizos ourensás co distintivo de calidade SICTED

12 de Maio de 2025

Manuel Pardo participou no acto de entrega destes recoñecementos, onde  salientou o apoio do Goberno galego ás accións de mellora continua do destino

  • O delegado territorial explicou que este evento é unha iniciativa desenvolvida no marco do Plan de Sostibilidade Turística (PSTD) de Ourense Termal 

  • O obxectivo fundamental deste PSTD é consolidar a provincia de Ourense como destino turístico sostible, enfocado na promoción e potenciación dos seus recursos termais e rurais

  • O representante do Goberno galego recalcou que o PSTD en Ourense Termal busca promover un turismo máis competitivo, diversificado e sostible, tanto desde unha perspectiva medioambiental como socioeconómica e territorial

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá no acto de entrega dos diplomas e placas do ‘Sistema Integral de Calidade Turística en Destino en Ourense Termal’, SICTED, que se desenvolveu no Centro de Interpretación Aquis Querquenae, no concello de Bande.

O delegado territorial explicou que este evento é unha iniciativa desenvolvida no marco do Plan de Sostibilidade Turística (PSTD) de Ourense Termal, impulsado mediante convenio subscrito pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense.

Manuel Pardo subliñou que o obxectivo fundamental deste PSTD é consolidar a provincia de Ourense como destino turístico sostible, enfocado na promoción e potenciación dos seus recursos termais e rurais, e servir como referente na implantación de estratexias innovadoras de desenvolvemento local baseado no termalismo.

O representante do Goberno galego recalcou que o PSTD en Ourense Termal busca promover un turismo máis competitivo, diversificado e sostible, tanto desde unha perspectiva medioambiental como socioeconómica e territorial. Este plan abrangue múltiples actuacións que van desde a mellora das infraestruturas termais e turísticas, pasando pola dixitalización e a eficiencia enerxética, ata programas de formación e sensibilización para empresas e cidadanía.

Das 47 empresas que reciben este distintivo, 25 son as que renovan o seu compromiso coa calidade, coa mellora continua e coa profesionalidade; e 22 son as que se incorporan por primeira vez a este sistema.

Entre as entidades que contan coa acreditación figuran bodegas, hoteis e apartamentos turísticos, aloxamentos rurais, axencias de viaxe, experiencias e talleres turísticos, guías de turismo, alugueiros de vehículos, e restaurantes.

SICTED

O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) é un proxecto promovido pola Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que ten como obxectivo mellorar a calidade dos destinos turísticos en España.

Este sistema proporciona unha metodoloxía integral e permanente de xestión da calidade nun destino turístico, buscando un nivel de calidade homoxéneo en todos os servizos ofrecidos ao turista.

Bandera Unión Europea