Galicia investirá máis de 2,5 millóns de euros en 55 proxectos para equipar e modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar

02 de Agosto de 2021

A conselleira do Mar visitou a lonxa de Ribeira para coñecer as últimas melloras introducidas nos seus equipamentos

  • A titular de Mar salienta que estas axudas contribúen a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións dependentes das confrarías, as condicións de traballo dos pescadores e a calidade e control dos produtos desembarcados
  • Máis dun millón de euros correspóndese con 17 actuacións para a compra de equipamentos cos que facilitar a actividade dos profesionais dos portos mentres que nove iniciativas suman máis de 41.000 euros para medidas coas que facer fronte á alerta sanitaria pola covid-19
  • As actuacións para optimizar a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación e de frío dos inmobles e as de protección do medio ambiente permitirán reducir arredor dun 35% os custos anuais en materia enerxética e baixar as emisións de CO2 á atmosfera en 140 toneladas anuais, o equivalente á plantación de 5.400 árbores

    
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Ribeira onde comprobou as últimas melloras introducidas nos seus equipamentos ao abeiro das achegas concedidas pola Xunta de Galicia co obxectivo de optimizar o funcionamento dos portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar. Precisamente, a titular de Mar destacou que o Executivo galego aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores para modernizar as súas instalacións que contan cun orzamento total de máis de 2,5 millóns de euros.

Rosa Quintana lembrou que estes investimentos, financiados ao 100%, teñen como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética das instalacións, avanzar na protección do medio ambiente reducindo a pegada de carbono, mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras, optimizar a protección dos profesionais do sector ante a alerta sanitaria pola covid-19, aumentar a calidade e o control dos produtos desembarcados e realizar obras e traballos que permitan modernizar as infraestruturas dependentes das confrarías de pescadores.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, subliñou que os proxectos aprobados -todos os que cumprían os requisitos exixidos- se desenvolverán no marco da convocatoria de achegas de 2021 con estes fins e están financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Son 55 actuacións que se corresponden maioritariamente coa provincia da Coruña, con 30 iniciativas, seguida de Pontevedra, con 22, e de Lugo, con 3.

A maior partida do orzamento concedido, algo máis dun millón de euros, vai a parar a 17 accións que teñen como obxectivo mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos pescadores coa adquisición de equipamentos como sete carretillas elevadoras, dous empilladores, un transpalé, dúas casetas desmontables, unha cámara refrixerada, un guindastre móbil e outro fixo ou un cabestrante. Mentres, preto de 560.000 euros son para tres proxectos de mellora da eficiencia enerxética das lonxas, portos e lugares de desembarque mediante a modernización das instalacións de iluminación e de frío existentes, o que contribuirá a reducir os custos e as emisións de CO2 á atmosfera.

O investimento en obras de modernización das infraestruturas portuarias supera os 380.000 euros e canalízase a través de oito proxectos doutras tantas confrarías que realizarán melloras nos edificios das súas lonxas. En canto ás actuacións de mellora da calidade e do control dos produtos desembarcados, na convocatoria deste ano aprobáronse 14 iniciativas por importe de máis de 364.000 euros que permitirán adquirir equipamentos como dúas clasificadoras calibradoras de moluscos, dúas básculas, dúas hidrolimpadoras, unha máquina de xeo e colectores isotermos para varias confrarías.

Medidas fronte á covid-19
As achegas concedidas este ano complétanse con máis de 161.000 euros para proxectos de mellora do medio ambiente, que permitirán instalar paneis fotovoltaicos en catro confrarías de pescadores -co conseguinte aforro enerxético e redución da pegada de carbono-, e máis de 41.000 euros para nove accións que permitirán mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras ante a alerta sanitaria pola covid-19. Trátase en ambos casos de actuacións enmarcadas en dúas novas liñas de axudas postas en marcha na convocatoria deste ano.

A conselleira do Mar destacou que estes investimentos para facer fronte á pandemia cobren tanto gastos derivados de instalar sistemas para o control das cabidas nos inmobles ou a sinalización das medidas de seguridade como a adquisición de equipos de protección persoal ou de desinfección das instalacións así como obras nos edificios que contribúan á ventilación ou renovación do aire e que reduzan o contacto dos usuarios con elementos e superficies como poden ser portas de apertura automática ou sensores de luz.

Os proxectos de mellora da eficiencia enerxética e de mellora da protección do medio ambiente, que suman case 720.000 euros de investimento permitirán un aforro enerxético anual de preto do 35% do consumo inicial dos equipamentos afectados e o aforro económico pode superar o 36%. Mentres, a redución das emisións de CO2 á atmosfera roldaría as 140 toneladas, o equivalente á plantación dunhas 5.400 árbores.

Entre os proxectos máis importantes en canto a importe aprobados este ano está a mellora dos sistemas de varada das embarcacións de pesca artesanal no peirao de Porto do Son, con preto de 308.000 euros, e a mellora da eficiencia enerxética tanto da fábrica de xeo da confraría de pescadores de Burela, con máis de 280.000 euros, como das instalacións de frío da confraría de Malpica (258.000 euros).

Melloras na lonxa de Ribeira
A conselleira do Mar visitou as melloras introducidas na lonxa de Ribeira ao abeiro da convocatoria de axudas do ano pasado, entre as que se inclúe a adquisición dunha nova máquina de lavado das caixas de peixe, que contou cunha axuda de 236.000 euros. A ela sumouse outra achega de preto de 16.000 euros para a adquisición dunha máquina fregadora para mellorar as condicións de hixiene das instalacións.

Este tipo de equipamentos e actuacións facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen a aumentar a súa competitividade. Ao mesmo tempo favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia.

Desde 2016 e sen contar a convocatoria deste ano o Executivo galego apoiou 280 actuacións en portos pesqueiros por importe de 8,2 millóns de euros para a modernización e mellora das súas infraestruturas así como a subministración de equipamentos e a dotación de servizos. Son investimentos realizados tanto ao abeiro destas convocatorias de axudas -que comezaron en 2018- como de actuacións previas financiadas con fondos propios e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Bandera Unión Europea